Opinión

LXX Aniversario da liberación de Auschwitz

A recente aprobación por parte do Parlamento dinamarqués de lles requisar os obxectos de valor aos refuxiados solicitantes de asilo, lembroume o conto venezuelano do home, sen pernas nin brazos que, montado nun patín, pedía esmola e, ante unha muller exuberante, non se puido conter e chimpoulle un piropo subido de ton, ao que ela contestou: «Señor, non sexa ordinario… Deus vaino castigar»  e o discapacitado retrucou: «que, vaime quitar o patinete?».

A afganos, sirios, iraquís e outros milleiros de desgraciados que vagan por medio mundo, alemáns, dinamarqueses e suízos decidiron quitarlles o patinete. Alegan estes europeos que é unha medida «disuasoria» para que non lles «invadan» os seus países e, en caso de non disuadir, pois que non sexa tan honrosa a recepción e alimentación de todos eses desgraciados.

Cúmprense 70 anos da liberación, por parte do exército soviético, do campo de exterminio alemán de Auschwitz

Cúmprense 70 anos da liberación, por parte do exército soviético, do campo de exterminio alemán de Auschwitz. Hoxe quen o visita só pode ver os milleiros de obxectos dos que eran desposuídos os desgraciados que alí ían encontrar a súa morte.

Montañas de maletas, xoias requisadas, dentes de ouro comisados, cabelo embargado e empaquetado para facer colchóns ou bonecos, cordilleiras de gafas, cumes de zapatos, océanos de tallits, obxectos que nos lembran o asasinato industrializado de centos de milleiros de persoas…. os «patinetes» do século pasado de pobos enteiros, veciños, que tamén representaban unha «carga» para a mesma Europa que hoxe requisa aos refuxiados.

Pouco aprenderon os «perdedores» 

Comentarios