Opinión

Manuel María e a revista ferrolá Aturuxo

Nos primordios da década dos 50 da pasada centuria Manuel María estaba a estudar en Lugo, onde xa creara con M. A. Sopena en 1949 a revista Xistral, en cuxo segundo número publica o seu primeiro poema en galego, "A cantiga derradeira". Mais o proxecto frústrase por problemas administrativos e económicos que deberon resolver as familias de ambos. No entanto, Xistral renacerá pouco despois como colección de poesía, con Ánxel Xohán como responsábel formal dela, embora Manuel María sexa "realmente quen controla as edicións e xestiona as mesmas", segundo C. Gómez Torres; este tamén informa de que a colección tivo o apoio financeiro dalgúns membros da tertulia do café Méndez Núñez en que o poeta chairego participaba. En 1950 publicou o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, na Colección Benito Soto; e cando esta pon fin ao seu percurso en 1952, toma o relevo a Colección Xistral, que até 1955 edita libros de poetas tan destacadas como Luz Pozo, Pura Vázquez, Carvalho Calero, Ramón Cabanillas ou Casado Nieto, todos cinco en galego. Hai un sexto libro, Orballo, en español a pesar do título, cuxo autor é o ferrolán Miguel C. Vidal.

Ao tempo que na cidade amurallada Manuel María promovía eses proxectos, outro poeta e pintor algo máis vello, Tomás Barros, tiña os mesmos propósitos en Ferrol; xunto con M. C. Vidal, crea a revista de poesía Aturuxo, cuxo primeiro número sairá en 1952, e lanza outra colección de poesía, a Colección Aturuxo, neste caso financiada e xestionada por cada autor, que tamén vai publicar seis libros, dos cales só o primeiro, A realidade esencial (1956), de Eduardo Moreiras, está en galego, embora Barros tivese insistido, sen suceso, para que Carvalho editase nela o Salterio de Fingoi.

Carvalho Calero convértese nunha especie de asesor de Aturuxo, non tanto por vontade propia canto por amizade co seu discípulo Tomás Barros, aínda que xa desde Lugo, a onde vai morar en 1950 cando é chamado para dirixir o Colexio Fingoi. Alí será en certo modo o elo de unión entre os dous proxectos, o lucense de Manuel María e Ánxel Xohán, e o ferrolán de Barros e Vidal. Nunha carta de abril de 1952, cando está a punto de saír Aturuxo, Carvalho informa o pintor e poeta de que Manuel María estaba en Santiago para facer o servizo militar, pois Barros pretendía implicalo no seu proxecto, o que aínda tentará de novo máis tarde: en marzo de 1955 escribe ao poeta da Terra Chá dicindo que "Aturuxo precisa el calor de personas con ímpetu e iniciativa como tú" e convidándoo a "participar activamente en el movimiento poético que representa Aturuxo".

Manuel María, con efecto, vai colaborar como poeta en Aturuxo, que entre 1952 e 1960 tirará do prelo 11 números; en concreto publica poemas no nº 2 ("Cousa sin nome"), 6 ("Os bois"), 10 ("Carta a Luís Pimentel") e 11 ("Égloga do meu muíño"). Mais a súa participación non vai pasar de aí, se callar polo peso que na revista tiña a poesía española, segundo se pode deducir dunha recensión que en febreiro de 1958, asinando como M. Hortas Vilanova, fai da obra Do sulco, de Xohana Torres, en Vida Gallega. Nela dicía que en Aturuxo "pusimos nuestras esperanzas", que despois "se quedó en poca cosa" e que do grupo "sólo se salvó Xohana Torres, porque fue la única sincera consigo misma y con su tierra", para de aí deducir: "Nada hay tan absurdo como intentar, en un rincón de una provincia, imitar las corrientes poéticas de moda en la capital de la nación".

Esta crítica non sería do gosto de Barros, que se queixa dela a Carvalho por carta (3-3-1958): "Lo que no se explica es la fobia que nos tienen algunos galleguistas, pues, por venir en gallego nosotros nunca hemos rechazado un poema". A resposta inmediata do autor de Scórpio a Barros, que até entón viña publicando en español, foi que fixese media ducia de poemas en galego e os enviase a Vida Gallega, pois esa sería "la réplica más acertada a los juicios de Hortas Vilanova". O discípulo faralle caso ao seu mestre e, alén diso, na derradeira etapa da súa vida Barros vai escribir varias obras de poesía e teatro na lingua do país.

Comentarios