Opinión

Filgueira entre Nós

No correo de hoxe recibo un manifesto político, arranxado con enxeñosos artificios da linguaxe , para desculpar unha posición ilexítima dentro do noso campo. Tratase, nada menos, que de crear unha “dereita galeguista”, lazando a irmandade dos “bos e xenerosos”, cando máis rexa debe ser a súa compenetración.


O Filgueira¡como non! Deu unha moeda de ouro para salvar a patria. Xudas, no seu tempo, cobrou algo máis, certo que o fixo en prata.
Ben-Cho-Shey.

Ao lle dar de novo a man, notou Bóveda non sei que de brando e falso, que, habería resplandecer nidiamente cando, no intre da súa condena, negouno as tres evanxélicas veces. 
Xerardo Álvarez Gallego.

No correo de hoxe recibo un manifesto político, arranxado con enxeñosos artificios da linguaxe , para desculpar unha posición ilexítima dentro do noso campo. Tratase, nada menos, que de crear unha “dereita galeguista”, lazando a irmandade dos “bos e xenerosos”, cando máis rexa debe ser a súa compenetración. Pois ben; quero que saiban os asinantes do manifesto, que eu –galeguista nato- opoñereime a calquera entendemento político con eles, por creo na firmeza dos seus sentimentos patrióticos, nin estou disposto a deixarme convencer con adornos de  vidro.

"O manifesto filgueirista encheume de carraxe porque sei o que se pretende e a onde se quer chegar; pero xa pasou e non dubido que a estas  horas estarán arrepentidos"

Quixera compor aquí longas intervencións para demostrar que os escrúpulos de carácter social e relixioso, que agora senten os chamados “galeguistas de dereitas”, xurdiron despois do desastre electoral, por influencias exteriores e exóticas. Quixera demostrar como a fuxida dalgúns galeguistas obedece máis que a diferenzas políticas, a comodidades persoais. Quixera demostrar que a teima secesionista foi provocada pola fervenza reaccionaria que baixou da meseta castelá. Quixera demostrar que os galeguistas que se arredan de nos, coa intención de diminuíren a nosa forza, poñen a Galiza  por debaixo doutros intereses, que nin tan sequera son espirituais.

O manifesto filgueirista encheume de carraxe porque sei o que se pretende e a onde se quer chegar; pero xa pasou e non dubido que a estas  horas estarán arrepentidos. Para darse un conta do que son as dereitas españolas, e polo tanto da imposibilidade de que un galeguista poida cangar con semellante alcume, é preciso vivir cerca dos señoritos estremeños ou andaluces. ¡Podía contarche tantas cousas!Non, non se pode ser de dereitas aínda que a cousa non se vexa máis que baixo o aspecto relixioso.

Se dixeras que seguías pensando como no pasado ano e non habería –repito -que dicir ren, porque eu sei que vos empuxaba a elo pensar que así faciades ben a nosa terra.Mais agora colócaste nunha posición falsa, en contradición incluso co túa posición anterior. E eu dígoche que non sei a que pode obedecer isto; mais que, como ves, carece de lóxica, aínda que puidésedes imaxinar o contrario extraviado nesa maraña de razoamentos con que pretendes xustificarte.

"¿Que pensaran eses homes que ata onte chamaban irmán a Bóveda?. ¿Qué clase de consecuencia terán os que como o Filgueira, o Risco, ou o Vilarelle e quizais outros sigan apoiando aos rebeldes que cometen crimes tan horrendos?"

Que non estes conforme coa táctica do Partido, é outro cantar. Outro cantar do que tamén haberái que falar moito. Porque aquí a túa inxustiza chega ao agravio, naquel paragrafo no que ( sen meditar as verbas e con lixeireza grande, despois de invitarnos a ler os teu traballos) disnos –repara ben- que todo o que nos levamos feito na orde política non é máis que “destinguido calco da ideoloxía do “Heraldo de Madrid”. E iso, se non fose un agravio inxusto, pouco meditado e até unha minguiña pedante, sería algo que renuncio a definir, porque non quero responder a un agravio con outro.

¿E cal será a actitude dos chamados galeguistas de dereita?. ¿Que pensaran eses homes que ata onte chamaban irmán a Bóveda?. ¿Qué clase de consecuencia terán os que como o Filgueira, o Risco, ou o Vilarelle e quizais outros sigan apoiando aos rebeldes que cometen crimes tan horrendos?.¿Serán capaces de contar que tamén este salvaxe asasinato se cometa no nome de Deus? Se covarde é a actitude  da masa do pobo galego ante este crime máis tremenda ´aínda a traizón destes homes a que algún consideramos os nosos amigos. Esta condena a Bóveda impresióname tan fondamente que non atino a seguir e só sei repetir:isto é unha canallada.

"Coñeceron de primeira man o papel de Filgueira Valverde no proceso de ruptura do nacionalismo, a súa incorporación á Falange española e tamén a actitude diante da morte de Bóveda"

Hai días coma hoxe, supoño que será pola data que dou en pensar nos meu mortos, naqueles amigos que eran e xa non están e aquí e onde lembro a Alexandre Bóveda, a Víctor Casás e ao Anxel Casal e tamén a aqueles que un día nos abandonaron para montar aquela “Dereita Galeguista”. Aqueles homes, os máis, poucos eran, a esta hora xa arrepentidos convertéronos en obxectivos do franco falanxismo a todos aqueles que nos mantivemos fieis a disciplina do Partido. Ao definirse como de dereitas, por pasiva, definíronos a nos de esquerdas e así remataran por ser os primeiros cómplices da caza que se abriu contra nos.

Os parágrafos que preceden a este, como xa vos decatariades, non son da miña autoría senón que foron tomados de escritos de persoas que viviron e coñeceron de primeira man o papel de Filgueira Valverde no proceso de ruptura do nacionalismo, a súa incorporación á Falange española e tamén a actitude diante da morte de Bóveda. O primeiro e segundo paragrafo son da autoría de Castelao, redactados en Estremadura e recollidos no “Sempre en Galiza”. O terceiro paragrafo é tamén da autoría do de Rianxo, escrito en 1935 nun carta a Otero Pedraio desde Estremadura , pódese consultar no volume sexto das súas Obras Completas. O cuarto e  quinto paragrafo están tomados dunha carta de Bóveda a Filgueira, na que o noso mártir contesta a unha anterior deste, na que se da de baixa do Partido Galeguista, aparecendo ambas reproducidas no volume II da historia do PG de Xavier Castro. O sexto e sétimo paragrafo, recollémolos dos diarios particulares de Ben-Cho-Shey , un datado o 15 de Agosto de 1936 en Lugo e outro segundo do 1 de Novembro de 1942 en Caceres.

Comentarios