Opinión

Falo de Xoán Carlos González Basanta

Din que morreu Basanta e non é certo. Aquí esta con nós de verde e negro, el que foi base talentoso dos nosos Celtas, é o Basanta deportista, o xadrecista sempre á ofensiva, a xogar peón rei ou a siciliana, a organizar torneos e arbitralos. E vén coa vara de billar nun man, pensa o golpe e executa e tamén o tenista e o atleta. E chega agora o noso amigo cun fardel de libros na cabeza. Poetas escollidos, así de golpe recita a cinco, son Cunqueiro e Desnós, Pilar Pallarés e Xavier Baixeras e tamén, tamén Luisa. E fala da novela e do teatro, e di que hai que ler a Don Ramón e a Blanco Amor, a Lourenzo e a Max Aub e ler e lelo todo. E sigue coa música, é sibarita a un lado, os brasileiros e Vinicius de Moraes, noutro José de Molina, o Mexicano e Carlos Puebla e o rock, e Fuxan e A Quenlla, os amigos de Pardiñas e da Pomba. E sae agora o filosofo, a bater contra os lóxicos e os postmodernos e defende a Tese XI sobre Feuerbach e si, confirma, “Os filósofos non fixeron outra cousa que interpretar de diversos xeitos o mundo pero do que se trata e de transformalo”.

Din que morreu Basanta e non é certo. Aquí esta con nós de verde e negro

Din que marchou Basanta e estouno vendo. Estamos a finais dos oitenta fundando o Bloque de Foz no Postillón, facendo a primeira candidatura, entrando na corporación, defendendo un urbanismo racional, apostando pola igualdade de trato para os veciños e así ségueche ti polos dous mil e seguiremos nós tras as túas pegadas. E tamén a UPG, o partido dicimos, días de células, de comités de zona, de conferencias nacionais, ao fin de reflexión para a acción e compromiso. E volvemos a finais dos oitenta e alí contigo outra vez e con outros moitos, naceu “A Pomba do Arco” e xa para sempre te convertiches no “Compañeiro Presidente”, a defender a lingua, a recuperar a historia, a promover a arte e a festexar a palabra. E seguimos camiñando canda ti, tocaba defender a ría como fose e fuches ti o presidente en horas altas e o único militante en horas baixas. E andabas sempre adiante nas rotondas protestando canda moitos contra obra, e vinte tamén na sanidade, nas reunións, nos feches e na rúa e lémbrote agora en “Nunca Mais” e digo para que fique testemuña, que fuches, fuches o seu último portavoz na Mariña. E o tempo corría contra nós, había que parar os recortes, faltaba conciencia galega e de clase e aquí estabas á fronte da CIG Ensino.

O amigo fiel presto a botar unha man nas duras, si, onde se ven os amigos, o home bo disposto a que lle partiran a cara por calquera causa xusta

Fálovos de Xoán Carlos González Basanta, para nós, Bas. O fillo de Celia e Xacinto, o neno mariñeiro a correr entre as Casas Baratas e o Castro, o estudante de bacharelato naquelas universidades laborais que favoreceron o acceso ao ensino dss clases populares, o licenciado en filosofía, o taberneiro do “Mesón da Lousa”, o profesor de tantas e tantos en Sarria, Ares, A Pontenova, Lugo ou Burela, o Luís de Fonseca daqueles versos case punk do Cadaleito, o cámara de tantos días e feitos de Foz e da Mariña, o megafoenador oficial das nosa campañas, o amigo fiel presto a botar unha man nas duras, si, onde se ven os amigos, o home bo disposto a que lle partiran a cara por calquera causa xusta, o compañeiro xeneroso que regalaba osíxeno ao que lle faltaba aire. Si é o mesmo, fálavos de Xoán Carlos González Basanta, para nós sempre Bas.

Comentarios