Opinión

Eu Non Sei Nada: demitir en Santiago

A ver, agora Rajoy di que non sabía nada do que facía Bárcenas, ou de como se financia o PP, esas cousas


A ver, agora Rajoy di que non sabía nada do que facía Bárcenas, ou de como se financia o PP, esas cousas, iso, It, que diría Stephen King, o innomeábel, os cartos negros, os sobresoldos, quen pagaba as campañas e, sobre todo, para que. Rajoy ofértanos o patrimonio de todo político, a súa palabra. Eu Non Sei Nada. Faino Míster Confianza, o tipo que ía pousar os pés sobre as laxes do pazo da Moncloa e cairía o pano sobre a desaceleración-crise zapateriana. Míster Confianza que ten sobre as súas costas engrosar en 800.000 persoas as listaxes do paro no Estado.

A portavoz do PP é unha portavoz silente. É unha portavoz marxiana, por Harpo, disimulando.

Limitarse a dicer "Eu Non Sei Nada", señor Míster Confianza, non vale en política. Se non sabe, ten de demitir vosté por promover ao cargo de tesoureiro a un elemento como Bárcenas e por non controlar que facía co diñeiro do partido. E se sabe, ten que demitir vosté por mentirán. E talvez algo máis que demitir, talvez tería vosté que prestar declaración non perante Pepa Bueno, senón perante algún xuíz, pois era vosté, señor Míster Confianza, Eu Non Sei Nada, o chefe de Bárcenas, e amigo, conmovedor o seu SMS.

E que dicermos de Feijóo? Sabe algo Feijóo do de Santiago? Podemos perguntarllo á súa portavoz, a señora Prado? Negativo, a portavoz do PP é unha portavoz silente. É unha portavoz marxiana, por Harpo, disimulando.

Sabemos empiricamente que Feijóo si é o presidente do PP de Galiza. Sabemos, porque o ten dito en público, que ningún dos seus conselleiros está imputado. Avonda con iso, é suportábel en democracia este comportamento? Non vai pedir Feijóo que demita ninguén en Santiago?

Comentarios