Opinión

Modesto Brocos, o pintor que creou escola no Brasil

O pintor Modesto Brocos Gómez (Compostela, 1852-Rio de Janeiro, 1936), merecía estar nun lugar de honor, no libro de Murguía: “Los Precursores” (1885). Como está o malogrado pintor de Piñor de Cea, Antonio Cendán (1837-1863) e o pintor vigués Serafín Avendaño (1838-1916), que figuran nese libro murguiano. Considerando que Brocos foi un precursor extensíbel da pintura galega, no tránsito do naturalismo ao posimpresionismo.

Un indicador de tempo e espazo polo que transitaron as inquedanzas dun Brocos corredizo e itinerante, procurando novas inventivas e mobilizando as súas preocupacións para acadar precursora innovación plástica. As súas inquedanzas o levaron a Madrid, París, Arxentina e  Brasil. Asentándose en Rio de Janeiro desde 1887 até a súa morte. Sen esquecernos do seu paso por Roma,  onde Brocos pintou o tríptico dedicado ao apóstolo Santiago, nun esquemático e enfático realismo: clave certeira da suxerinte conquista pictórica.

Desta conquista, fálanos o escritor e crítico, Francisco Pablos Holgado, destacando varios dons e certezas do perfil creador do pintor compostelán: “Y no olvidemos su oficio, esa mano perfecta, esa pincelada suelta, esa materia tan distribuída que puede y debe esigírsele a un artista completo. Brocos sabe pintar y las calidades de sus telas llegan a pedir la caricia del contemplador”. Continúa o experto crítico Pablos Holgado: “Deliberadamente viste a sus figuras con ropajes muy diversos, de manera que haya paños gruesos, lanas, sedas, rasos brillantes, gasas”. Como podemos ver no óleo: “Las tres edades”, de suculentas emocións e de enfático protagonismo, de ser unha das mellores composicións de Brocos, que nos posiciona en diversos climas e suplencias da vida humana en súas diversas fases que nos restitúen certezas.

A presenza de Modesto Brocos en Rio de Janeiro -para nós galegos- ten un interese moi especial, o que non conseguiu na Galiza, ou do que el pasou sen a maior transcendencia o conquistou no Brasil. Sen esquecer a súa identidade galega, á que sempre lle deu presenza, facéndose chamar pintor galego-brasileiro. Confirmando unha das primeiras pontes de irmandade entre a Galiza e o Brasil. Estímulos que debemos apreciar na confraternidade de dous países unidos na lingua e que Brocos non foi alleo á súa orixinalidade compartida.

O pintor galego, con vinte anos, chegou a Rio de Janeiro en 1872, visitou a chamada “Academia Imperial de Belas Artes”, na que o recoñecido pintor Vítor Meireles foi o seu profesor de referencia e de vital importancia para a vida pictórica de Brocos, que logo comezou a resplandecer en varios estilos artísticos. Meireles capacitou a Brocos de estar virado cara diversos espazos da pintura vivencial e popular que, desde a independencia do Brasil en 1822, todo aquilo que estaba distanciado das carencias humanas e da identidade brasileira, a pintura deulle cabida ás precariedades infrahumanas dos negros e doutras clases desfavorecidas. Toda unha ampla colección de litografías que se gardan nos museos dos Castro Maya de Rio de Janeiro, da autoría do pintor e litografista francés, Jean-Baptiste Debret (París, 1768-1848). As súas litografías abarcan de 1816 a 1831, foi un pintor favorecido pola corte dos reis João VI e de seu fillo Pedro I do Brasil e IV de Portugal, residentes no Brasil.

Estas litografías de Debret as fixeron servir os pintores radicados no Brasil como referencia memorial, para ampliar seus argumentos sobre unha pintura naturalista e de notábel ambivalencia, na que encontramos ao noso galego-brasileiro servíndose da vida cotián brasileira e das súas paisaxes. Cabe adentrarnos nunha variedade de cadros moi individualizados na creación vital que marcan a honorábel traxectoria de Modesto Brocos, que non debemos confundir co gran pintor Isidoro Brocos, seu irmao.

Na primeira época de Modesto, esclarécense variados ambientes galegos, paisaxes e persoeiros rurais e mariñeiros, así como a indumentaria popular de finais do século XIX, que se relaciona cos primeiros cadros que pinta Picasso na súa estadía infantil na Coruña. Dito ao revés, pode que nos cadros do malagueño está a suposta marca de Modesto Brocos, profesor de Picasso. Como sinala Francisco Pablos Holgado: “Brocos merece una monografía bastante más que haber sido ocasional profesor del niño Pablo Ruiz Picasso cuando la familia del señor Ruiz Velasco llegó a la Coruña, allá por el año 1891.

O Brasil popular dos hábitats marxinais dos afro-brasileiros na plástica de Brocos, lémbranos algunhas instancias daquel Brasil que aparece na litografía de Debret. Tamén o perfil das clases acomodadas ou burguesas da cidade carioca, como se mostra no cadro “Xogo de cartas” (1898), un tema moi divulgado polos posimpresionistas, como é o caso de Paul Cézanne. Nestas dimensións pictóricas, Modesto Brocos foi autor dun libriño, que na súa capa indica: “Retórica dos Pintores. Por Modesto Brocos, profesor catedrático da Escola Nacional de Belas Artes. 1933. TYP. d’A Industria do Libro. Rio de Janeiro”. Con cinco significativos apartados: “Retórica dos Pintores”, “Dos cinco tratados em que os retóricos dividiam o discurso”, “Da Disposição”, “Da Elocução” e “Da Pronunciação”. Un tratado clásico que non deixou de ser referencia nas facultades de arte nas universidades brasileiras.

Modesto Brocos é merecente dunha exposición homenaxe da súa obra na Galiza, como a que os brasileiros fixeron en xaneiro de 2007, no Museu Nacional de Belas-Artes de Rio de Janeiro durante dous meses. Cun enfoque pedagóxico e divulgativo, que merece ser restituído e coñecido o seu legado pictórico, nun desdobre lusófono, entre galegos e brasileiros. Lanzo a pedra ao tellado da Conselleria de Cultura da Xunta. Vexan que non escondo a mao.

Comentarios