Opinión

Comunidades enerxéticas locais versus comunidades de montes

Desde a Unión Europea estanse potenciando as chamadas comunidades enerxéticas locais co obxecto de promover a participación de diferentes actores e actrices na transición enerxética para loitar contra o cambio climático. As comunidades enerxéticas locais son veciños e veciñas que se constitúen en asociacións ou cooperativas para garantir e facilitar o dereito dos consumidores/as a participar nos proxectos de enerxías renovábeis e poder producir, consumir, almacenar, vender ou compartir enerxía con outros membros da comunidade local.

A Unión Europea define como principios operativos e de funcionamento das comunidades enerxéticas locais a participación aberta e voluntaria das persoas que están dispostas a aceptar a responsabilidade de tal pertenza, o goberno democrático baseado na igualdade de dereitos na toma das decisións, a autonomía e independencia dos membros que forman parte de comunidade e o alcance de beneficios sociais, medioambientais e económicos para os seus membros.

Na nosa nación existen as comunidades de montes veciñais en man común, que son veciños e veciñas xa constituídos e que xestionan os aproveitamentos das súas terras democraticamente mediante acordos tomados en asemblea xeral. Parece, xa que logo, que as comunidades de montes veciñais en man común encaixarían perfectamente nas comunidades enerxéticas locais que está a potenciar a Unión Europea, non para converter as comunidades de montes en comunidades enerxéticas, senón para actuar como tales no que fai ao aproveitamento das enerxías renovábeis.

Actuar como comunidades enerxéticas locais non para converter a superficie do monte veciñal nun campo de placas solares (nas aldeas e parroquias hai lugares mais acaídos para colocar as placas solares). Senón para que, con este aproveitamento de esta enerxía renovábel fomentar o autoconsumo, o abaratamento, o aforro enerxético e evitar a dependencia das compañías eléctricas. E, nalgún caso, mesmo para defender o territorio contra o espolio  que están producindo nos montes veciñais as multinacionais enerxéticas (lease o caso das eólicas). Con todo, as comunidades de montes por ser titulares dunhas terras de carácter xermánico, que non están recoñecidas como tales na lexislación do Estado Español, non poden actuar como comunidades enerxéticas locais no que fai ao respecto do aproveitamento das enerxías renovábeis.

Como parece ser que neste e nos vindeiros anos, vai haber unha morea de subvencións para potenciar a enerxía fotovoltaica, tanto dende a Xunta de Galiza como dende Goberno do Estado Español, na aplicación dos fondos Next Generation, as comunidades de montes veremos entrar polas nosas portas representantes de empresas especializadas en cazar subvencións ofrecéndonos un negocio que é o seu negocio (constituír a comunidade enerxética local, previo pago, e solicitar terra para a instalación de placas solares).

No caso da enerxía fotovoltaica, como noutros recursos dos montes veciñais, as comunidades de montes atópanse cun enorme valado para polos en valor de xeito autoxestionado: a falta de recoñecemento tanto na lexislación galega como na estatal, da titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas. Como deixara escrito Castelao: "Non nos entenden". E se ben a Unión Europea amosase sensíbel a esta titularidade singular, non move un palleiro para instar ao goberno do Estado español a que recoñeza a titularidade veciñal como titularidade comunitaria, nin pública nin privada.

Comentarios