Opinión

Vinte e cinco anos de caída

Vinte e cinco anos despois da caída do muro de Berlín, considerada a referencia icónica do fracaso da alternativa comunista, asistimos a unha ofensiva neoliberal para apuntalar o sistema capitalista, presuntamente en perigo de supervivencia polos efectos dunha crise que, segundo algunhas opinións –unha delas, e moi autorizada, a do historiador Eric Hobsbawn–, significa para a dereita o que a caída do muro berlinés para a esquerda. Unha visión un tanto ambigua, porque non parece tan evidente o paralelismo. 

Vinte e cinco anos despois da caída do muro de Berlín, considerada a referencia icónica do fracaso da alternativa comunista, asistimos a unha ofensiva neoliberal para apuntalar o sistema capitalista, presuntamente en perigo de supervivencia polos efectos dunha crise que, segundo algunhas opinións –unha delas, e moi autorizada, a do historiador Eric Hobsbawn–, significa para a dereita o que a caída do muro berlinés para a esquerda. Unha visión un tanto ambigua, porque non parece tan evidente o paralelismo. Porque se está claro nun caso o fracaso dunha alternativa de esquerda, sen posibilidades inmediatas de recuperación e con efectos negativos colaterais sobre as posibilidades doutras opcións de esquerda, no caso da gran crise financeira podería ser o contrario. 

"A dereita ultraliberal está a aproveitar esta situación de crise para recuperar posicións do primitivo capitalismo salvaxe, sen regulacións e sen intervencións de Estados benfeitores, con amplo espazo para desenvolver os maiores niveis de desigualdade". 

A dereita ultraliberal está a aproveitar esta situación de crise –que, despois de todo, forma parte da natureza mesma do sistema– para recuperar posicións do primitivo capitalismo salvaxe, sen regulacións e sen intervencións de Estados benfeitores, con amplo espazo para desenvolver os maiores niveis de desigualdade. Todo na liña da gran contrarrevolución conservadora que encabezaron Margaret Thatcher e Ronald Reagan ao longo da década dos oitenta, que tivo como remate precisamente o colapso dos réximes comunistas (e non necesariamente como relación de causa-efecto), e que segue a ter continuidade, mesmo con incorporacións máis ou menos explícitas e permanentes de socialdemócratas convencidos do final das utopías progresistas e, sobre todo, do final daquel pacto implícito cos grandes poderes económicos para desenvolver o chamado Estado do benestar, como medida de contención de contaxios revolucionarios.

"Pode que precisamente esa volta ao capitalismo salvaxe sirva de revulsivo para iniciar a recuperación das vellas aspiracións de xustiza e igualdade, de solidariedade universal, polas que a esquerda viña loitando"

Xa non quedan revolucións das que contaxiarse, se exceptuamos o reduto case residual de Cuba e algúns experimentos latinoamericanos que máis ben se moven nun radicalismo socialdemócrata (e que poden parecernos revolucionarios porque a maioría dos socialdemócratas en Europa se volveron liberais). Pode que precisamente esa volta ao capitalismo salvaxe sirva de revulsivo para iniciar a recuperación das vellas aspiracións de xustiza e igualdade, de solidariedade universal, polas que a esquerda viña loitando ao longo da súa existencia, case sempre con resultados desproporcionadamente escasos en relación coas enormes cantidades de enerxías e sacrificios persoais dilapidados, no medio de erros, contradicións e enfrontamentos internos, fronte a fortaleza do adversario. 

Como nun novo mito de Sísifo, a esquerda foi capaz en moitas ocasións de levar a enorme roca das súas propostas até o cumio, pero non parece capaz de asentala. Unha e outra vez, volve rodar ladeira abaixo, e non sempre pola inercia fatal do poder da dereita. Moita autocrítica de verdade –non a forzada do stalinismo– queda por facer antes da seguinte viaxe monte enriba coa roca ao lombo, sobre todo no debate real e no entendemento mutuo coa cidadanía á que se pretende representar.

Comentarios