Opinión

Europa miserábel ante os fuxitivos

Moita conmoción colectiva, moita declaración solemne, moita chamada á responsabilidade e mesmo á solidariedade, pero, á hora da verdade, o último gran naufraxio da desesperación no mar Mediterráneo, con centos de mortos, non modificou a pasividade estrutural da Unión Europea ante o fenómeno da inmigración e ante os convenios internacionais sobre dereito de asilo.

Moita conmoción colectiva, moita declaración solemne, moita chamada á responsabilidade e mesmo á solidariedade, pero, á hora da verdade, o último gran naufraxio da desesperación no mar Mediterráneo, con centos de mortos, non modificou a pasividade estrutural da Unión Europea ante o fenómeno da inmigración e ante os convenios internacionais sobre dereito de asilo. Despois das reunións de urxencia de ministros, primeiro, e de xefes de goberno a continuación, a única decisión adoptada foi a de triplicar o presuposto da vixilancia das fronteiras, neste caso marítimas. Só vixilancia para procurar que non entren. Nada de rescates nin acollida.

"Despois das reunións de urxencia de ministros, primeiro, e de xefes de goberno a continuación, a única decisión adoptada foi a de triplicar o presuposto da vixilancia das fronteiras, neste caso marítimas".

Pesan moito as voces xenófobas ou directamente racistas dunha extrema dereita en ascenso en varios países europeos, entre as que van abundando as que reclaman sen pudor o bombardeo dos barcos que transportan aos que foxen das guerras e das miserias (iniciativa bélica que propuxera hai uns anos, a modo de advertencia ou ameaza, o racista padanio Humberto Bossi, cando era ministro de Berlusconi). De feito, nesas reunións de urxencia, unha das propostas que se examinaron foi a de destruír os barcos das mafias antes de que os utilicen: só falta un paso para que os destrúan cos fuxitivos a bordo. 

Co pretexto de non darlle bazas electoralistas á dereita ultra, conservadores moderados e socialdemócratas (os primeiros con máis entusiasmo que os segundos, que todo hai que dicilo) veñen desenvolvendo una política restritiva e represiva do fenómeno da inmigración que ten convertido á Unión Europea nunha sorte de fortaleza asediada, na que, a pesar das vallas e das canoneiras, non deixan de colarse superviventes da criba do mar ou das esgazaduras das concertinas. 

Esta Europa en decadencia, pola incapacidade ou pola incompetencia dos seus poderes políticos e económicos, comparte certos niveis de responsabilidade na configuración de circunstancias que teñen alimentado este inmenso río humano que desemboca no mar da morte, que noutro tempo viu nacer e desenvolverse a cultura occidental. Sen remontarnos a outros séculos, aos tempos da colonización directa de África e dos países árabes, basta coas intervencións, neste mesmo século XXI, en Iraq e Libia, que non contribuíron precisamente á estabilidade da zona, nin actuando sobre o terreo nin bombardeando desde o aire. En canto á Siria, os gobernos occidentais xogaron a deixar podrecer o conflito mentres prometían axudas humanitarias que xa se ve no que foi quedando. Nas reunións destes días na UE, barallaron a posibilidade de acoller cinco mil refuxiados sirios, cando entre Turquía, Líbano e Xordania acollen a tres millóns.

"Sen molestarse en facer pedagoxía da solidariedade, a maioría dos gobernantes da Europa democrática da por suposto que tamén a maioría dos cidadáns comparte os seus medos, deteriorados como están os cidadáns polas salvaxes políticas de recortes". 

Noutros tempos, falábase da necesidade de favorecer o desenvolvemento dos países africanos para que os seus cidadáns non tivesen que recorrer a xogarse a vida na busca do paraíso. Nestes días, os gobernantes europeos falan da conveniencia de facilitar recursos a determinados países africanos claves para que os seus gobernos se encarguen do traballo sucio, o de cortarlle o paso a refuxiados e inmigrantes para que non cheguen ao mar. E falan con enerxía de rematar coas mafias, como se as mafias foran a causa dos desprazamentos e non meros intermediarios que se aproveitan das circunstancias. Nin palabra do dereito de asilo, formulado a metade do século pasado nunha convención internacional, e que formara parte da sensibilidade europea ante os dereitos humanos.

O peor é que toda esta miserábel actuación teña razóns electoralistas. Sen molestarse en facer pedagoxía da solidariedade, a maioría dos gobernantes da Europa democrática da por suposto que tamén a maioría dos cidadáns comparte os seus medos, deteriorados como están os cidadáns polas salvaxes políticas de recortes. 

Comentarios