Opinión

Corrupción bananeira na Europa civilizada

Tanto falar de repúblicas bananeiras latinoamericanas, sociedades desequilibradas polas herdanzas colonialistas españolas e polo neocolonialismo do veciño do Norte, coas súas mordidas como expresión dunha corrupción universal entre todos os niveis de supostos servidores públicos, coas súas desigualdades clamorosas e os seus sucesivos períodos de tiranías varias que empezan a ser superados, e resulta que na moi civilizada, democrática e desenvolvida Europa a corrupción campa polos seus respectos. 

Tanto falar de repúblicas bananeiras latinoamericanas, sociedades desequilibradas polas herdanzas colonialistas españolas e polo neocolonialismo do veciño do Norte, coas súas mordidas como expresión dunha corrupción universal entre todos os niveis de supostos servidores públicos, coas súas desigualdades clamorosas e os seus sucesivos períodos de tiranías varias que empezan a ser superados, e resulta que na moi civilizada, democrática e desenvolvida Europa a corrupción campa polos seus respectos. Ou, polo menos, iso pensa unha gran maioría dos seus cidadáns, un 76 por cento como media no conxunto da Unión Europea, unha media que superan 17 dos 28 estados, dez deles ademais con porcentaxes entre o 90 e o 99 por cento dos seus cidadáns convencidos de que a corrupción é un fenómeno xeneralizado nos seus países.

"As enquisas detectan que o 95 por cento da cidadanía cre que a corrupción está estendida por todos os niveis de responsabilidades políticas e mesmo por algunha alta institución do Estado. Non só en fútbol destaca España"

A Grecia arruinada e sometida a rescates leoninos é a campioa nesta triste clasificación de cidadáns desmoralizados polo espolio dos seus políticos (99 por cento), seguida de cerca por unha Italia onde o 97 dos cidadáns mostran a mesma decepción polos seus políticos corruptos, unha parte dos cales ademais aproveita os seus escanos parlamentarios para lanzar insultos racistas a unha ministra negra e outra parte –xurdida dun deses intentos de “rexenerar” a política desde a protesta popular e as redes sociais– fai groseiros comentarios machistas contra a presidenta do parlamento. Tras unha Lituania que encabeza o penoso palmarés de países do Leste (todos por enriba do 80 por cento, excepto Estonia que, co seu 65 por cento de cidadáns sensibilizados pola corrupción, se sitúa entre Austria e Reino Unido, no bloque dos once países situados por debaixo da media), o cuarto lugar é para España, onde as enquisas detectan que o 95 por cento da cidadanía cre que a corrupción está estendida por todos os niveis de responsabilidades políticas e mesmo por algunha alta institución do Estado. Non só en fútbol destaca España (e o mesmo fútbol tamén garda as súas corrupcións).

"Desemboca no espectáculo de ver cómo seguen a ser votados políticos con causas xudiciais en curso, mentres medran os índices de abstención".

Trátase dunha percepción cidadá, que pode que non se corresponda co nivel real de corrupción en cada país. Pero pode que, se o nivel real é menor ca percepción cidadá, sexa case peor: pode significar que non hai unha reacción clara e contundente dos partidos políticos ante os casos que se producen nas súas filas, que tratan de ocultalos, negalos ou minimizalos ao máximo, co resultado de que, a menor transparencia, maior suspicacia na opinión pública. Claro que, en moitos casos, a corrupción é do partido mesmo, que reparte “beneficios” entre os seus dirixentes máis destacados. Non vai tirar pedras contra o seu propio tellado.

A verdade é que, a forza de repeticións e de instrucións xudiciais interminábeis, hai xa, en España polo menos, unha certa resignación ante a actividade extractiva dunha boa parte dos políticos (non sería xusta tampouco meter a todos no mesmo saco), que, xunto coas dificultades que a lexislación sobre os partidos e sobre as eleccións pon para que haxa unha verdadeiramente libre competencia entre forzas políticas, desemboca no espectáculo de ver cómo seguen a ser votados políticos con causas xudiciais en curso, mentres medran os índices de abstención.

 

Comentarios