Opinión

A pé de obra: Rexurdimento (114)

Rexurdimento: a palabra e a idea é o título dun ben interesante ensaio do que é autor Anxo Angueira. Nel, como xa se evidenciaba noutros traballos anteriores deste autor, propúgnase, con todo fundamento e emprego de fontes, unha reconsideración da periodización da nosa historia literaria. En especial nunha época chave que alarga as marxes do inicio do período contemporáneo para as nosas letras.

Mais, ende ben, o obxecto desta esculca, contribúe asemade a cuestionarmos conceptos e horizontes que, a forza do uso da tradición imposta e de visións estereotipadas, ata agora eran asumidos como dogmas de fe.

Mostra disto pode selo a consideración negativa, entre nós, do período da Idade Media. Dende o que se proxecta o espectro dun, a mantenta, invisibilizado reino de Galiza, onde a nosa lingua –a que, sen complexos, hai que denominar galego medieval– é vehículo normal de expresión e, ao tempo, berce de cultivo dunha poderosa literatura nunha lingua románica emerxente.

No tocante ao proceso do agromar cultural e político que se dá no século XIX non se documenta, naquela altura, para se referir a el, xa que logo, o termo rexurdimento. Será ao abeiro do novo imaxinario propiciado coa aparición das Irmandades da Fala, nun ambiente de confianza nas propias forzas e nas expectativas de futuro, cando naza e medre esta palabra.

No asentamento terminolóxico deste vocábulo dentro da historiografía de noso chegaría a resultar determinante o papel xogado por Ricardo Carballo Calero dende que accedese, a principios dos anos setenta, á cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Compostela.

Se ben non será ata comezos da década dos oitenta cando se perciba con claridade a súa estandarización, tanto do vocábulo Rexurdimento coma da expresión Séculos Escuros. O cal gardará relación coa incorporación da materia de “Lingua e  Literatura galega” ao ámbito do ensino.

Mais, nesta conxuntura de adopción e vindicación do aludido termo, cómpre facer alusión tamén ao manifestado por Xosé Filgueira Valverde, quen, por certo, xa dende o seu activismo mozo dentro do Seminario de Estudos Galegos, posuía formación filolóxica.

Pois el, amais de ter sempre clara a palabra e a idea, verbaliza a súa auténtica dimensión transcendente. Que é, sen lugar a dúbidas, a de vincular o concepto de Rexurdimento coa figura de Frai Martín Sarmiento.

Porque, tal e como se explica nesta obra, as teimas e descobertas deste, lingüísticas, literarias e históricas, foron reeditadas ao longo de todo o século XIX como columna vertebral deste movemento.

Entre as que se poden enumerar tanto a denuncia da relación colonial de Galiza con España, coma a reclamación do celtismo, a antigüidade da lingua e literatura galegas, a paternidade do galego sobre o portugués, a loita contra tópicos antigalegos ou a esixencia do galego no ensino.

Non se podería entender, polo tanto, esta época sen ter en conta a obra de Sarmiento, xa que dela nace ou renace e é fonte permanente e indiscutíbel todo o que vén despois.

É esta, xa que logo, unha sólida e necesaria reformulación do noso paradigma historiógráfico, que cabe agardar que, o antes posíbel, se teña en conta e faga permeábel ao conxunto da sociedade. E que, ao tempo que valla para ampliar reducidos marcos cronolóxicos, contribúa a ensanchar ópticas e horizontes propios.

De aí a operatividade desta cita: “Sabemos que, independentemente de Sarmiento, a literatura popular xa era no século XVIII un material literariamente valorado. E, sobre todo, que os Séculos Escuros non son tan escuros. Velaí o cancioneiro postrobadoresco de Afonso Páez de principios do século XV, En cadea sen prijon, e sobre todo os textos setecentistas recentemente exhumados, dos que cómpre citar obras de envergadura coma o Entremés gallego (1707) de Salvador Francisco Roel, que vén de dar a coñecer Julio I. González Montañés, e que retrotrae cen anos a publicación dun libro, dun texto autónomo impreso en galego; O romance da Urca de Santo Antón de 1777, dado a coñecer por Ramón Mariño Paz, Damián Suárez e Margarita Vázquez (2012) e as Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, tamén desa década, que vén de descubrir e publicar Xosé A. Fernández Salgado (2017)”.

O autor do Coloquio en mil duascentas coplas galegas debe ser considerado, polo tanto, un escritor contemporáneo, do noso tempo. E é el quen, ademais, desmente o hiato historiográfico dos denominados Séculos Escuros e a idea de que a literatura galega contemporánea naceu sen tradición.

De aí que vaia sendo xa hora de asumirmos o miolo das propostas nucleares que se defenden neste ensaio. A saber: a liña de continuidade que hai entre o século XVIII e o XIX, así como a relativización do papel do romantismo e a priorización do da Ilustración na xénese do Rexurdimento e, dende logo, o rol decisivo exercido polo Padre Sarmiento en todo este proceso.

Comentarios