Opinión

Rural: recortar, estragar e rematar

A dramática nova de dous mozos de Chantada mortos nunha vía pública por evitar un porco bravo púxonos, unha vez máis, os pelos de punta. Detrás deste sinistro xurde a pregunta de porque hai máis porco bravo que antes. E aparecen outras polémicas entre a nova agricultura, aseguradoras de cotos e cazadores aos que  semella non dar solución a lei de caza e outras. Son poucas as mentes que fóra de tópicos titulares e ineficientes batidas reparan nunha explicación global que vai máis alá do aumento destes animais que sempre houbo entre nós. Hai un abandono da Nosa Terra si, pero patrocinado polos recortes.

E moitos son os eufemismos para os recortes. A xente galega asómbrase todos os días cos titulares de prensa que non por esperados deixan máis que indiferenza e incapacidade, tristura e rabia non canalizada. Recortar enténdese pola pretendida propaganda mediática como único recurso que queda para evitar a desaparición cando asistimos xustamente á aniquilación programada diante dos nosos ollos consentido cos nosos cartos e xustificado nas urnas que perpetúan un camiño entre fascista e neoliberal.

O ámbito público, trampolín do privado, o máis agredido acotío. Os recortes do servizo galego de saúde concentran unha ben nutrida ladaíña de sinaturas, reclamacións, concentracións e manifestacións que non penetran nos oídos dos dirixentes políticos. Queixas por telefonar a unha central de chamadas, desprazamentos rurais non ben cubertos, dobrar quendas, desatender consultas, menos camas no verán... Namentres no escenario das xerencias de despachos bailan ao son de empresas que xestionan tal planta, este servizo, estas ambulancias, ... money, money, money o goberno da Xunta do PP semella tío Gilito ante doentes anestesiados.

No ensino público tampouco lle treme a man á hora de mandar menos profesorado do solicitado polas comunidades educativas. Recortar aulas como demostra o seguimento que fai o sindicato maioritario CIG-ENSINO  sen esquecer hai uns 12 anos xa aos Rajoy e Feijoo recortadores de horarios lectivos. Nótanse máis nas cidades ou fóra delas? Se cadra onde máis se ve isto é fóra das cidades. Vilas e cidades que gañan estudantes de concellos máis pequenos e teñen moito ensino non público; ensino que se beneficia de axudas públicas sen mirar, por exemplo canto valería crear centros públicos. Poñamos por exemplo Vigo: centros non concertados 45 e concertados 53 segundo a web da consellería. Botade contas. Outros botaron as súas... e así andamos.

Cando a lei 2/2016 do solo de Galiza anuncia na exposición de motivos “que posibilite a protección territorial e un desenvolvemento urbanístico sustentable, que xurda do maior consenso posible e que teña vocación de estabilidade” resulta que a lei nace morta. Así o expresou a voceira do BNG Ana Pontón canda o resto da oposición a unha norma na que a conselleira do ramo denominouna competitiva e axudaría a ordenar o país. Lei que, con outras e despois de remendos da anterior lei Cuíña, en connivencia coas estatais viráronse contra o habitat natural galego.

Medra en poboación a conurbación Ames (triplica a poboación en 24 anos) e baldéiranse concellos da redonda. Só se fala de núcleos tradicionais, como se de castros se tratara, nos que campan as herbas malas que xa nin os seus vellos habitantes poden rozalas e hai que esperar polas brigadas municipais na véspera do santo patrón. Na nosa Galiza de pirámide poboacional invertida ninguén pula por máis inversións, por máis servizos sociais nin por fomento da natalidade.

Rodeando as aldeas intereses varios. Vexo por estes pagos parques eólicos  declarados de interese público para encher petos privados; os novos e afillados de  incendiarios eucaliptos de ENCE co amparo e mentiras de gobernos e mesmo apoio do Tribunal Supremo e sindicatos estatais; todo un cheiro a podre desde o franquismo.

Eucaliptos e porcos bravos protagonistas que a penas aparecen citados nas lexislacións e son convidados do territorio ata das vilas e cidades. Si aparece citado na lei do solo “aldea” só unha vez, “parroquias” só unha vez, “núcleo rural” 34 e “núcleos rurais” 22 e curiosamente baléirase ese núcleo tradicional que xa soa a romanticismo na época pos covid, neoturismo?

Así pois as comunidades veciñais, de augas e de montes en man común entre outras  fan de parapetos aos depredadores gobernos e animais, promotores urbanos e industriais que desde o aire, para parques eólicos e as súas redes, ao solo queren chuchar máis da nosa terra na que interesantes iniciativas emprendedoras morren o mesmo día das subvencións ou recórtanas outras ideas que en nada nos favorecen.

Vese como o atraso das concentracións parcelarias e outras figuras do planeamento destrutoras da cultura dos valos e valados, arrós, morosas, agros tradicionais, baldíos... RURAL non impulsan o cooperativismo doado con BANTEGAL, UXFOR e outras formas acaídas para o diverso territorio galego. Terra que ben lles serve a depredadores foráneos e recortada para nós.

Os recortes das necesarias vías de tren, autoestradas, autovías, corredores, estradas galegas recadadoras de multas (máis de cento dez mil en 2021) e recortadas de mantemento inversamente proporcional ao aquí recadado. E de aí o estado das vías de comunicación ou botarlle a culpa, cando les as tristes novas dos xornais, á natureza das silvas, dos codesos e xestas que non fan máis que medrar; a herba da Pampa,...como sentenciaba na aldea de Bexo o señor Francisco da Costiña, home maior intelixente e memoria enriquecida en sudamérica: -“La culpa no es del chancho es de quien le da de comer!”

Comentarios