Opinión

Feijóo escribe ao ditado de Vox

Despois das eleccións locais e, en doce territorios do Estado, autonómicas do 28 de maio PP e Vox pactaron para gobernaren xuntos en 140 concellos importantes e chegaron a pactos de lexislatura no País Valencià, Illes Balears e Estremadura. Vox terá a vicepresidencia da Generalitat valenciana canda as consellerías de Cultura, Interior e Xustiza e Agricultura. Tamén a consellería de Medio Rural no Goberno de Estremadura, e a Presidencia do Parlament das Illes Balears, onde partillará o goberno dos Consells insulares de Mallorca, Menorca e Eivissa-Formentera.

Mais con ser importantes as cotas de poder que Vox vai ter nos gobernos locais e autonómicos o máis rechamante son os contidos programáticos de cadanseu pacto. O PP, é dicir Feijóo, asume acriticamente as ladaíñas mentireiras de Vox e acorda   i) desprotexer a lingua catalá como cooficial nas súas variantes territoriais do País Valencià e de las Illes Balears, ii) derrogar a normativa de protección ao colectivo LGTBIQ+, iii) negar a violencia machista, desenvolvendo políticas baseadas nese relato e iv) promover como principal manifestación cultural as touradas. Por outra banda, na selección dos seus perfís para consellerías e presidencias de Parlamentos Vox promoveu a mantenta as persoas máis extremistas no seu machismo, españolismo, homofobia e negacionismo do cambio climático.

O de Estremadura foi nomeadamente grave. En primeiro lugar, porque demostrou que esa desaquelada proposta de Feijóo de que goberne a candidatura máis votada (que en Estremadura foi a do PSOE) depende da conveniencia propia, sendo como é Feijóo reincidente no principio "lo mismo que te digo una cosa te digo la otra". Mais tamén por proxectar que non había dous PP ( un de dereita radical e outro máis centrista) canto á definición dos programas da gobernanza local e autonómico. Non, non hai tal. Só hai un, o PP que por gañar o poder pacta programas de goberno baseados no supremaciscmo españolista, no antieuropeismo, no produtivismo non sostíbel ambientalmente, no machismo e na homofobia. Evidentemente gañou a doutrina de Díaz Ayuso, Esperanza Aguirre, Miguel Ángel Rodríguez e da prensa de  dereitas de Madrid.

Son dos que pensa que Alberto Núñez Feijóo non ten unha ideoloxía nomeadamente españolista nin de dereita extrema. Tampouco centrista ou mornamente galeguista. O seu é o puro pragmatismo na linde do cinismo político, porque  sempre cumpre o encargo dos que moven os fíos, dos que "parten el bacalao". E para que dean os números seica estes pensan que non se pode reflectir dúbidas  no pacto cos extremistas, como ven de denunciar o xornalista Enric Juliana.

Diante destas evidencias  non sei que pensarán agora aqueles que coidaban que Feijóo como líder do PP garantía  diálogo, moderación e xorne centrista. Porque o certo é que, no Estado español,  nunca a extrema dereita españolista e retrógrada marcou nos últimos cincuenta anos de tal xeito contidos, relato e  axenda.

Comentarios