Opinión

O "Depor" do futuro

Aprobouse este día o convenio que o Deportivo presentou en sede xudicial para superar o seu concurso de acredores, que propón 2 anos de carencia e outros 15 para total liquidación da débeda ordinaria. Canto á débeda privilexiada, non vencellada por este acordo, o clube ten preacordado o financiamento da débeda bancaria de 38M€ nas mesmas condicións dos acredores ordinarios. 

Aprobouse este día o convenio que o Deportivo presentou en sede xudicial para superar o seu concurso de acredores, que propón 2 anos de carencia e outros 15 para total liquidación da débeda ordinaria. Canto á débeda privilexiada, non vencellada por este acordo, o clube ten preacordado o financiamento da débeda bancaria de 38M€ nas mesmas condicións dos acredores ordinarios. Mais tampouco están vencellados polo acordo uns 61 M€ adebedados á Axencia Tributaria Estatal, dos que ésta só ten garantidos 21M€ embargados dos dereitos televisivos devengados na tempada 2012-13.

 A Axencia Estatal oponse ao acordo aprobado e anunciou que axiña sexa efectivo este acordo (cando se decidan a medio de sentenza as posíbeis impugnacións ou o 29 de xaneiro se ninguén impugna) activará o embargo de todos os bens e dereitos do Deportivo, o que condenaría ao clube galego á liquidación, mais reducindo ao mínimo a posibilidade da Facenda estatal de cobrar os 40 M€ que non ten garantidos polo embargo devandito.

"No futuro cómpre espirito cívico e deportivista de consenso e cooperación e asunción por cada quén das súas responsabilidades".

O 21 deste mes os accionistas elixirán novo Consello de Administración, para o que semella que Tino Fernández, empresario da consultora ALTIA, conta con maioría, malia que a regra do voto ponderado lle vai impor a coexistencia no Órgano de Administración coa eventual minoría lendoirista e pode que con algún dos terceiros candidatos.

Quere isto dicir que para os intereses dos acredores, dos cidadáns contribuíntes, do Clube e dos afeccionados só é posíbel o refinanciamento deses 40 M€ adicionais, dun xeito semellante ao acordo acadado entre a Axencia Tributaria Estatal e o Celta de Vigo. Sen prexuizo da eventual responsabilidade que lle cumpra a cada quén, quer por administrar no pasado, quer por permitirlles ás S.A. Deportivas xuntar as débedas pendentes coas Facendas Públicas.

No futuro cómpre, xa que logo, espirito cívico e deportivista de consenso e cooperación e asunción por cada quén das súas responsabilidades. Por que a outra alternativa, a de seguer a enlear as cousas, a dos “vivas” e “morras”e a dos “arres” ou “xos”, pertencen ao ámbito dos que queren levar sempre a auga ao seu rego. E eses son parte do problema e non da solución.

Comentarios