Opinión

Catalunya votou por un goberno independentista

Convén lembrar a realidade das elecciónz nacionais catalás do 14-F que os opinantes de quenda próximas aos partidos do goberno estatal (PSOE-Podemos) e as súas filiais (ou sucursais) catalás PSC e os Comuns queren reconducir a cousas que non son nin serán, sexa cal for o sistema métrico que usemos.

ERC (33), JuntsxCat (32) e a CUP (9) quitaron 74 dos 135 deputados do Parlament de Catalunya, fronte aos 61 unionistas (PSC 33, Vox 11, 8 os Comuns, 6 Cs e 3 PP). Ë dicir, que o independentismo quitou o 55% dos deputados. En votos o independentismo non sobardara nunca o 48%  dende a consulta cidadá de 2014. Arestora quitou o 51,7%. E este suceso é tanto máis rechamante cando : i) o golpe de Estado do 155 encetou a anterior lexislatura disolvendo ilexítima e ilegalmente o Parlament o 27-Ou de 2017. ii) O Tribunal Supremo (TS) español impediu cadanseus debates de investidura do president Puigdemont e do preso político Jordi Sánchez e iii) o mesmo TS inhabilitou ao president Torra por exercer institucionalmente  á liberdade de expresión e deu cabo á lexislatura.

É dicir, que con máis de 3000 persoas condenadas, acusadas ou penalmente investigadas na Catalunya (todas de JuntsxCat, ERC, CUP, ANC, CDR e Omnium, como ven de lembrar o intelectual e político catalán Agustì Colomines) o independentismo, que xogaba contra corrente, quitou os mellores resultados do procès.

 Diante destes números… que é iso do efecto Illa? Que é iso que din Illa (PSC) e Albiach (Comuns) de que Catalunya votou por unha remuda e que os 41 deputados (só o 30% do Parlament) que apoian ao Goberno do Estado haberían dirixir a política catalá no vindeiro futuro? De que mentalidade espelida xurde a proposta Albiach dun goberno ERC-Comuns apoiado externamente polo PSC? Cando van chegar a ese pacto de lexislatura? Antes ou despois que os eurodeputados do PSC e PSOE voten a prol do suplicatorio ao president Puigdemont, á consellera Ponsatì e ao conseller Comín?

 As forzas da esquerda española que apoian ao Goberno do Estado teñen só o 30% dos escanos. Así e todo poderían ter iniciativa política. Mais non a teñen. Sabemos algo da amnistía? Sabemos algo da despenalización do delicto de sedición? Non, claro que non. O diálogo é unha actitude de suspensión mental que se move consonte os tempos de Sánchez e mesmo ás veces de Iglesias.

 A cidadanía catalá votou independentista, mais nomeadamente votou por un goberno independentista. ERC terá que asumir que non ten máis socios ca JuntxCat e as CUP e que os primeiros haberán partillar de xeito case igualitario o Govern. JuntsxCat, malia ser a auténtica sorpresa positiva do proceso electoral- ao que concorría case desafiuzado-, terá que aceptar que a Presidencia do vindeiro goberno independentista será asumida polo vicepresidente Aragonès, malia saber que, no futuro, se saben  integrar as bases territoriais e a  moitos dos cadros e referentes do PdeCAT   a súa aposta soberanista e transversal levaralles outravolta á primeira marca da pole position. Non por acaso a concorrencia conxunta teríalle outorgado a Junts 35 escanos fronte aos 32 de ERC e 32 do PSC. 

 JuntsxCat e ERC voltaron recebir o mandato do 21-D de 2017 para xestionar eficiente e transformadoramente os problemas do día a día  de Catalunya, mais  consonte coa folla de ruta da República catalá. Gañaron nidiamente as eleccións, é certo, mais a abstención de ducias de milleiros dos seus electores de hai tres anos amosa unha nidia mensaxe de advertencia. Quizais, como ten escrito o xornalista catalá Jordi Barbeta, os partidos independentistas catalás han enfrontar a derradeira oportunidade desta xeración. E esa apelación é a tres e non a dous: a CUP habería considerar que un terceiro veto, despois do de Artur Más e Jordi Turull, podería ser letal para as posibilidades da axenda soberanista do vindeiro futuro.   

  De calquera xeito, nin a esquerda española, nin as súas sucursais catalás nin o Deep State outorgaron nin a máis cativa achega a unha nova convivencia catalá alicerzada na amnistía, na democracia e  nunha solución para un exercicio próximo e regulado do dereito a decidir da cidadanía catalá.

  Só é viábel arestora un Govern independentista, que foi, ademáis, o que votou a ciudadanía catalá. Como cantou o portugués Zeca Afonso “o povo é quem màis ordena”.

Comentarios