Opinión

As incógnitas do 25-M

Nas eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro 25 de Maio concorren un conxunto de circunstancias singulares.Por unha banda, atopámonos nun momento de máxima desconfianza social no labor da maioría dos representantes que actúan na política institucional.

Nas eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro 25 de Maio concorren un conxunto de circunstancias singulares. Por unha banda, atopámonos nun momento de máxima desconfianza social no labor da maioría dos representantes que actúan na política institucional. Existe, ademais, un notábel escepticismo a respeito do comportamento que manteñen os organismos dirixentes da UE diante da grave situación que están padecendo millóns de persoas do continente europeo. Para completar o tríptico, é necesario constatar que imos vivir a primeira cita electoral de carácter estatal despois dos comicios xerais celebrados en Novembro do 2011.

"As porcentaxes de voto do PP e do PSOE permitirán saber o impacto concreto da invocada desafección social nos que, ate agora, son os actores mais relevantes no escenario político".

O resultado das urnas do día 25 clarexará algunhas incógnitas importantes. Mediremos, entón, a dimensión real da influencia do bipartidismo dominante.As porcentaxes de voto do PP e do PSOE permitirán saber o impacto concreto da invocada desafección social nos que, ate agora, son os actores mais relevantes no escenario político. Obviamente, esa análise conducirá a outras constatacións significativas:o volume concreto da abstención rexistrada e a contía das transferencias dende os partidos maioritarios a outras formacións políticas.

No ámbito galego, saberemos o peso relativo de cada unha das forzas  (AGE, BNG e CxG) que compiten no universo electoral que nos anteriores comicios europeos do ano 2009 hexemonizaba o nacionalismo unificado no Bloque.

"Saberemos o peso relativo de cada unha das forzas  (AGE, BNG e CxG) que compiten no universo electoral que nos anteriores comicios europeos do ano 2009 hexemonizaba o nacionalismo unificado no Bloque".

Os dirixentes do PP afirman combater a abstención mais non semellan ter alternativas atractivas que ofrecer a respeito das políticas que se están promovendo dende Bruxelas.Pretenden converter estes comicios nun aperitivo das confrontacións do vindeiro ano (municipais e xerais) sen mudar as liñas básicas de comportamento seguidas dende que Rajoy está na Moncloa. Para mais inri, Núñez Feijoo vai chegar ao día 25 con sete concelleiros de Santiago sentados no banco xudicial como presuntos delincuentes e cunha directora de campaña –Paula Prado- que non se atreve a ter un encontro público cos xornalistas para explicar a súa complicada situación na operación Pokémon.Con qué autoridade moral se lle pide o voto aos cidadáns cando non se queren asumir unhas dimisións que, en troques, son esixidas para a ex –ministra socialista de Fomento e actual vicepresidenta do Banco Europeo de Investimentos?

Comentarios