Opinión

Zona de fugas

No libro Zona a defender: a esperanza indócil Manuel Rivas comeza cun manifesto chamando a salvar espazos para que o capitalismo impaciente non os poida colonizar, penetrar, apoderarse deles. É un manifesto que afirma que si é posible, que si é posible nomear o que acontece arredor de nós a pesar do abuso da linguaxe dos poderes que máis mandan, que si é posible o traballo en común, que si é posible deter a autodestrución do planeta.

Todos os tempos son caóticos, pero estes ademais de caótico carece de mensaxes esperanzadoras que inviten a soñar e imaxinar un futuro mellor, por iso estas palabras de Rivas chegan a boa hora. 

O pesimismo é un luxo, o filósofo Cioran, rei do pesimismo, campa moi ben na librería de alguén que vive acomodado.

Pero un dos puntos que Rivas defende no seu manifesto chamoume a atención, defende os libros longos e as películas lentas. E ben que concordo. A pausa, o silencio, a paciencia, o esforzo, adicar o tempo necesario sen présas a dialogar cunha obra axuda a respirar a vida. 

Observar, contemplar, reparar, é case un acto revolucionario fronte ao impulso reactivo, ao empuxe, ao pulo constante a consumir algo rapidamente e pasar ao seguinte. E se Rivas utiliza o cine de Tarkovsky como exemplo do cine que nos perderíamos se non lle déramos unha oportunidade ás películas lentas, eu quero utilizar un exemplo máis próximo, a película 9 Fugas de Fon Cortizo. Só a puiden ver nun ordenador e aconsello vela na pantalla máis grande posible. 

A película é tan espectacularmente boa a tantos niveis que un non sabe exactamente por onde comezar. O concepto é atrevido, rico e sutil, Cortizo decidiu comezar a casa polo tellado, creou unha película a partir da banda sonora, das nove pezas musicais improvisadas, nove fugas. 

Parabéns aos músicos e músicas, tan presentes no detalle ínfimo, si, tamén, e aos actores e actrices, o xesto exacto, a verba medida, que maneira de humanizar e habitar o espazo. As localizacións preséntanse como se un cirurxián lle abrise o ventre a Vigo e arredores para crear un mapa poético multidimensional. As historias que se van tecendo arredor dos desaparecidos na illa de San Simón e ao abuso na familia patriarcal van medrando aos poucos ata que aparecen diante de nós como se un mago arteiro estivese xogando connosco ata mostralas na súa plenitude. 

Memoria é a palabra talismán, a palabra chave que nos abre a porta desta película. É só de cando en vez que nos topamos cunha obra que nos lembra as enormes potencialidades da arte.

Comentarios