Opinión

Tradicións

A identificación cunha cultura, prodúcese, as máis das veces, a partir de ritos e costumes. Mais así e todo, non debemos sacralizalos/as por moi antigos que sexan. Como moradores desta terra temos necesidade de ollar cara atrás, de analizar, e chegado o caso, de criticar e tal vez abandonar usos e costumes que nos veñen dados, que amalgaman consensos, identifican vontades e trazan ritmos de celebracións, de festas, de rituais, mesmo ás veces de escarnios e maldizeres.

Falo de tradicións, non todas elas boas, non todas elas válidas a calquera prezo. Non todas elas progresistas ou liberais, por moi enxebres que elas nos parezan. Por pór dous exemplos: nin o maltrato animal, nin a humillación por calquera razón (poñan aquí o listado estándar dos delitos de odio) son tradicións que deberiamos manter (por moito que estean enraizadas coma árbores senlleiras ou marcas da tribo).

Noutro nivel, mais tamén no dos ritos, ritmos e costumes: Por que non nos revolvemos cando alguén (as máis das veces levado por un interese económico) trata de impor costumes inaceptábeis co ritmo xeral da sociedade? Cal é o sentido de concentrar o consumo en días e horas marcados? Cal o de seguir todos a corrente xeral, o mainstream, sen facer a mínima crítica? Que fai que permanezamos impasíbeis diante da aniquilación por vía filolóxica -en varias direccións alucinadas- dos últimos falantes nativos? Onde está o interese das clases dominantes por facer un escáner de barrido e eliminar a esencia dun pobo? Porque nos queren homoxéneos, gregarios, miméticos e submisos?

Son moitas preguntas, seino, mais este país non carece de pensadores individuais que saiban dar respostas a todas elas e moitas máis. Eu non as teño, pois son un técnico, un burócrata confeso, un retornado. O que aquí sobra é pasividade e falta de orgullo! As vellas ideas, as fórmulas abortadas, os vellos ritos, as tradicións malsás, esotéricas e absurdas gardémolas para os museos: os da ignominia, os da intolerancia, os do dogma.