Opinión

Samuel

Os que nun pasado non tan recente temos experimentado odio e rexeitamento mesmo na esfera familiar, que debería de ser de todas elas a máis protectora, sabemos dos perigos que outrora existían por un se mostrar como un era.

Coidabamos que a sociedade progresara malia a dupla moral. Ben é certo que si o fixo, quer no aspecto lexislativo, quer no da convivencia. Mais esa progresión non foi (non é) uniforme. Hai certas capas ideolóxicas da poboación que non admiten a diferenza, ningunha diferenza e que persisten na uniformización por contraposición á liberdade. Quérennos a todos escravos e iguais, non en dereitos senón en comportamentos submisos.

Se alguén pensou, se cadra con sinxeleza excesiva, que a sociedade ía saír reforzada desta crise sanitaria/identitaria/social/política/económica que foi (e aínda é) a pandemia, estaba errado. Constátase que non é así, que os cidadáns conscientes o son cada vez máis, mentres os malnacidos (mal visto chamarlles fillos de puta) non melloraron senón que son agora máis radicais e máis brutáns. Que hai que ser senón un brután para argallar en grupo unha morte con violencia.

Pídese xustiza para Samuel. Non haberá xamais xustiza auténtica pois ninguén vai poder restituírlle á vida. Un remedo de xustiza será a condena daqueles que cometeron o acto infame e, se cadra, unha compensación económica que han pagar os pais dos ‘valentes’, pois estes non terán se cadra medios para afrontala. Hai tamén unha responsabilidade subsidiaria de quen permite que se difundan ideoloxías de odio, que logo se repiten polas ondas das canles públicas e privadas en entrevistas pactadas cos incitadores ao asasinato.

É difícil construír unha sociedade san e igualitaria. Non é difícil perdela e caer na lei do máis forte, do que lle rompe o corpo a un rapaz a couces e puñadas porque si, porque non é espello de si mesmo, delirio da perfección.

A sociedade está enferma e non só por mor dun virus, senón vítima dunha doenza de odio e de exclusión.

Comentarios