Opinión

As embarcacións tradicionais e o papel das administracións

A fundación de Culturmar, no ano 1994, xéstase durante o I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (1993) e sinálase como o inicio do movemento de salvagarda das Embarcacións Tradicionais galegas, pero débense destacar outros feitos promovidos pola Consellería de Pesca: a publicación do libro de Staffan Mörling As Embarcacións Tradicionais de Galicia e a creación da escola de carpintaría de ribeira da Aixola, que protagonizou o rescate da derradeira lancha xeiteira, a Marina, e a construción da súa réplica. Estes feitos mobilizaron asociacións e particulares no camiño da protección das Embarcacións Tradicionais.

Así, podemos considerar a Consellería de Pesca, hoxe do Mar, como un motor institucional no movemento de recuperación das Embarcacións Tradicionais. Esa colaboración mantense ata hoxe cun importante aporte para a dinamización das Embarcacións Tradicionais e a celebración bienal do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

A Consellería de Cultura colabora puntualmente nas accións de recuperación patrimonial, principalmente no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, pero é de sinalar que o maior fito lexislativo na salvagarda das embarcacións tradicionais foi promovido por esta Consellería. A declaración, en 2019, como Ben de Interese Cultural (BIC) dos saberes da construción tradicional de embarcacións de madeira. Esta declaración é un novo punto de comezo, pero a súa falta de desenvolvemento está a lastrar considerablemente as accións doutras administracións.

As deputacións provinciais e determinados concellos veñen tendo accións puntuais, convocatorias de subvencións, que se ben solucionan problemas particulares, non se poden cualificar dentro dunha estratexia xeral.

Isto, de xeito resumido, é o que atopamos ata hoxe nas actuacións das distintas administracións respecto á conservación das Embarcacións Tradicionais, pero como debería ser esta participación?

A salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural non pode solucionarse con accións puntuais, nin con subvencións directas, sen máis. Todos coñecemos proxectos de recuperación de embarcacións que, por diversas causas, remataron arrumbados nunha ribeira ou sendo vítimas da motoserra.

É preciso unha estratexia de colaboración entre as asociacións e particulares que promoven a recuperación e as administracións. De xeito que os proxectos que reciban axudas sexan consolidables e perdurables no tempo, maximizando a utilidade dos cartos públicos. Pero sobre todo é preciso un cambio de vontades políticas.

Non é comprensible que hoxe, con máis de 200 embarcacións recuperadas, o principal actor para a súa dinamización e posta en valor, Portos de Galicia, non teña un rol protagonista nesta salvagarda. O lugar onde amarrar, exhibir e dinamizar as embarcacións tradicionais son os portos, o que dende Culturmar se nomeou como Mariña Tradicional.

A constitución destes espazos nos portos, exclusivos, sinalizados e promocionados é fundamental para o futuro da frota tradicional galega e terían para Portos de Galicia un custo económico mínimo e un retorno publicitario certo.

Portos de Galicia remítese á falta de desenvolvemento do decreto BIC para non recoñecer as embarcacións tradicionais como tales e dotar de instalacións portuarias axeitadas á súa dinamización. É certo, a Consellería de Cultura está faltando á súa obriga de desenvolvemento do órgano asesor da salvagarda, e como consecuencia non dispoñemos dunha clasificación das tipoloxías tradicionais nin dun inventario das mesmas, pero non é menos certo que Portos de Galicia ten autonomía suficiente para actuar pola súa conta.

É preciso, polo tanto, que as Consellerías do Mar e de Cultura se coordinen coas entidades sociais que promoven a cultura marítima, para dunha vez por todas establecer unha ruta certa para as nosas Embarcacións Tradicionais, con estratexias para a súa conservación e dinamización, máis alá do tempo que lles toque a responsabilidade de goberno aos seus titulares. Deste xeito estableceríanse liñas de financiamento para as actividades de divulgación, liñas de axudas para a recuperación e mantemento das embarcacións, pero sobre todo formaríase unha rede de mariñas onde as embarcacións se puidesen por ao servizo da sociedade.

Comentarios