Opinión

Homenaxe á tradición do Val Miñor: hai futuro

O 26 de decembro celebrouse no Auditorio V centenario de Baiona un acto colectivo de homenaxe á música tradicional no que participaron nove grupos dos tres concellos miñoráns (Nigrán, Gondomar e Baiona). A decisión destes grupos de celebrar este evento non é casual: a pandemia pechou a actividade de moitas asociacións culturais durante meses, sendo elas fundamentalmente as que veñen conservando dende sempre o patrimonio cultural da música popular galega. Moitas destas agrupacións tiveron imposible normalizar algo a súa actividade ata hai pouco, e ás veces chegaron a sentirse orfas ou desamparadas sen atención cando máis o necesitaban poñéndose en risco a propia supervivencia de non poucos grupos. 

Non sabemos se este pesadelo pasou de todo, pero unha das leccións que aprendemos é que a presenza das raíces culturais dun pobo ten que manterse se queremos que ese pobo e cultura teñan futuro como tales. Porque a tradición máis que pasado é futuro, un futuro que máis dun falabarato anuncia cando proclama o turismo e a gastronomía propia ou incluso a paisaxe. Nós somos paisaxe sonora imprescindible desta cultura e nós podemos aportar ao mundo algo especial e xenuíno que os demais non teñen ou non conservaron, uns instrumentos e repertorio propio, técnicas instrumentais irrepetibles noutras zonas do mundo, xeitos de cantar que non se poden perder, letras e poesía popular que representan o sentir profundo das raíces do que somos e que agroman en nós, dando os froitos presentes e que poderán seguir xerando froitos no futuro.

Non hai futuro cando o progreso se fai a custa de esnaquizar a nosa paisaxe sonora ou visual (por iso son dos que non soporta que se faga unha banda de gaitas galegas ao estilo escocés), cando mercamos tambores feitos no estranxeiro renunciando ao noso son propio e desprezamos a artesanía galega. Non hai futuro cando esquecemos o noso repertorio propio para facer outros que en vez de unirnos nos separan, cando esquecemos a receita da nosa aboa e sucumbimos ao ridículo do "Master Chef". Por iso e por moitísimo máis temos que manifestar con arte popular, que é o que sabemos facer, a nosa existencia imprescindible, porque o futuro sostible non pode acadarse sen abandeirar con orgullo o pasado da tradición que nos permitiu chegar e sobrevivir como cultura diferenciada. As novas xeracións teñen que sabelo, temos que lembrarllo, temos que demostrarllo. Que os nenos e as nenas fagan de todo o que queiran, pero tamén que sigan mamando da tradición da que veñen porque sen dúbida voarán máis alto así...

A pandemia pechou a actividade de moitas asociacións culturais durante meses, sendo elas as que veñen conservando o patrimonio cultural da música popular galega

Outra cousa importante que quizais teñamos que aprender é que non podemos sentar no sofá a esperar que alguén se ocupe de nós porque nós mesmos debemos liderar, como se facía antes, a organización de todo tipo de actos de manifestación da cultura popular e reivindicativos da nosa cultura e non esperar que outros con outros intereses manipulen a política referente á tradición da cultura popular.

Desta maneira aqueles que queiran apoiar as iniciativas do pobo que se sumen a elas, pero nunca deberíamos depender doutros para levalas a cabo.

Nesta homenaxe houbo un compoñente sorpresa, cun recoñecemento para músicos da tradición que o merecen... e  para rematar hai que agradecer a estes grupos: A Seneira, Pandereteiras Monteboi, Os Carunchos, Terribles de Donas, Breogán Val Miñor, Tradisón, Asociación Santa Baia de Donas, Cantares do Brión e Novos Galiños de Belesar esta iniciativa que serve de espello para toda Galicia, onde haberá outros bos e xenerosos que farán o mesmo con outras. Tamén á Deputación de Pontevedra e aos tres concellos, cada un no seu, apoiando esta primeira edición, así como á Asociación de Gaiteiros Galegos, institución que leva máis de trinta anos loitando pola dignificación da tradición musical do noso país. Coido que será necesario seguir poñendo en valor cada pouco a riqueza patrimonial das comarcas galegas como esta do Val Miñor que son depositarias da mellor tradición e do verdadeiro futuro sostible sen renunciar ao que somos.

Comentarios