venres 14/08/20

Varoufakis e Lapavitsas. O dilema grego é o dilema europeo

A extrema dureza das consecuencias económicas e sociais da Gran Recesión en Grecia produciu un debate sobre as estratexias da esquerda antiausteridade dunha riqueza intelectual superior á de calquera outro país europeo.

A extrema dureza das consecuencias económicas e sociais da Gran Recesión en Grecia produciu un debate sobre as estratexias da esquerda antiausteridade dunha riqueza intelectual superior á de calquera outro país europeo. Varoufakis e Lapavitsas lideran dúas posicións antitéticas. O primeiro aposta por mudar a ortodoxia austeritaria desde dentro. Lapavitsas defende o abandono voluntario do euro e a volta ao dracma. A historia, coa súa extraordinaria capacidade para superar o guión máis ousado, entregou o Ministerio de Economía a Varoufakis. Shakespeare á fronte do Ministerio do Interior na corte de Dinamarca.

"A extrema dureza das consecuencias económicas e sociais da Gran Recesión en Grecia produciu un debate sobre as estratexias da esquerda antiausteridade dunha riqueza intelectual superior á de calquera outro país europeo".

Yannis Varoufakis publicou en 2011 unha suxestiva e brillante interpretación dos fluxos de excedente no capitalismo posterior á Segunda Guerra Mundial, El Minotauro Global. No verán de 2013 asinou, xunto con Stuart Holland e James K. Galbraith, Unha modesta proposición para solucionar a crise da eurozona, Versión 4.0 que “non suxire novas institucións e non apunta ao redeseño da eurozona. Non necesita novas regras fiscais, pactos ou troikas. Non require autorización previa para se mover nunha dirección federal, facilitando ao mesmo tempo o consenso a través dunha cooperación reforzada en troco dunha austeridade imposta. É neste sentido unha modesta proposta”, articulada en catro políticas. 1) Que os bancos que necesiten recapitalizarse pasen a depender directamente do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) e non dos Gobernos estatais. 2) Un programa de conversión de débeda pública en bonos do BCE até o 60% do PIB de cada Estado membro. 3) Un novo programa de investimentos europeo en saúde, educación, renovación urbana, medio ambiente urbano, tecnoloxía verde e xeración verde de enerxía. 4) Un Programa de Solidariedade Social de Emerxencia que garanta o acceso á alimentación e ás necesidades de enerxía básicas para todos os europeos, a través dun programa europeo de Cupóns para alimentos. A modesta proposición aposta por desenvolver unha política progresista e antiausteritaria dentro do marco da Unión Europea e da Eurozona.

Costas Lapavitsas, á fronte do grupo Research on Money and Finance, propuxo xa en marzo de 2010 o abandono do euro e a súa substitución polo dracma. Para Lapavitsas, ver Crisis en la Eurozona, a continuidade de Grecia na eurozona implicaría un desmesurado custo económico e social, semellante ao que traería o abandono voluntario da moeda común. A vantaxe desta segunda opción é que permitiría que o pobo grego recuperase a soberanía monetaria e na política económica, a capacidade de depreciar a moeda e recuperar competitividade externa e abriría a posibilidade dunha mudanza na correlación de forzas interna para poder adoptar políticas como a nacionalización do sistema financeiro. Por outra parte o custo do abandono voluntario do euro sería moi duro, mais rápido e seguido dun efecto rebote que daría paso á recuperación da actividade económica. Acertou Lapavitsas na valoración do custo que a continuidade no euro suporía para o pobo grego, a queda do PIB por persoa en máis do 30 por cento desde 2008 até 2013 é propia dun país en guerra ou da Gran Depresión de 1929. O que non podemos agora comprobar é o acerto da outra parte da súa predición, a rápida recuperación que seguiría o shock inicial producido pola recuperación do dracma.

"Tsipras apunta á necesaria mudanza das políticas europeas sen esquecer as contas pendentes que o pobo grego ten coas clases dominantes internas"

Nas eleccións do 25 de xaneiro o pobo grego decidiu apostar pola Hipótese Varoufakis, explorar a posibilidade dunha mudanza progresista na política económica europea. As medidas anunciadas por Alexis Tsipras só un día despois da toma de posesión como Primeiro Ministro confirman que a aposta vai en serio, apuntan directamente contra o corazón da política austeritaria en Europa, a única posíbel e asisada. Lembremos, 1) paralización da privatización do porto do Pireo e da empresa pública de electricidade, 2) eliminación do repagamento sanitario e restabelecemento da cobertura sanitaria para os tres millóns de gregos que a perderan, 3) aumento do salario mínimo interprofesional até os 751 euros anteriores ás políticas impostas pola Troika, 4) restauración da capacidade de negociación sindical e da eficacia dos convenios colectivos, 5) devolución da paga extra de Nadal para os xubilados con pensións inferiores a 700 euros, 5) nova contratación dos 10.000 funcionarios despedidos e 6) plan de loita contra a evasión fiscal e o contrabando. A audacia e rapidez de Tsipras, que enfronta un inimigo moito máis poderoso, lembra o ataque directo de Alexandre Magno a Darío III en Gaugamela tan ben filmado por Oliver Stone. Tsipras ousa desafiar os deuses, e non renuncia como antes o fixeran Hollande, a decepción Hollande, e Renzi, a non política Renzi.

Os obxectivos destas medidas son acabar coa crise humana, “Nin un grego sen axuda, sen comida, sen electricidade”, e renegociar a débeda cos socios europeos, “con solucións viábeis e xustas que sirvan toda Europa e evitando a confrontación, mais tamén as políticas de submisión”. Tsipras apunta á necesaria mudanza das políticas europeas sen esquecer as contas pendentes que o pobo grego ten coas clases dominantes internas, a urxencia de loitar contra a evasión fiscal, a corrupción e o clientelismo, “unas reformas que debían terse acometido nestes 40 anos para acabar cun Estado que funcionaba en contra da sociedade”.

Os mercados, eufemismo para non dicir a clase corporativa financeira, saben quen é o seu inimigo, a prima de risco dos bonos gregos subiu 100 puntos básicos nunha única xornada. O temor da poboación a un corralito leva a unha importante retirada de depósitos dos bancos, 3.000 millóns de euros en decembro e xa 11.000 millóns en xaneiro. Draghi podería cortar esta hemorraxia só cunha declaración semellante á de xullo de 2012, “"Durante o noso mandato, o BCE está disposto a facer o que faga falta para preservar o euro. E créanme, será suficiente." Estas palabras cortaron de raíz as apostas contra o euro que encarecían a prima de risco dos países do sur de Europa e o custo de financiamento da débeda pública.

"Os pobos do sur de Europa, de Portugal, de todas as nacións do Reino de España, de Francia, de Italia, deben comprender que o seu futuro se xoga hoxe no taboleiro grego. O combate contra a austeridade desenvólvese hoxe en Grecia".

Se Draghi actuase como presidente dun Banco central ao servizo da democracia debería agora garantir a viabilidade das emisións de débeda do Goberno grego e a seguridade dos depósitos nas institucións financeiras do país. De non o facer estará a sabotar a libre decisión do pobo grego.

Os pobos do sur de Europa, de Portugal, de todas as nacións do Reino de España, de Francia, de Italia, deben comprender que o seu futuro se xoga hoxe no taboleiro grego. O combate contra a austeridade desenvólvese hoxe en Grecia. Deixar só o pobo grego sería un suicidio. Nos primeiros meses da crise financeira global existiu unha primeira xanela de oportunidade para mudar as políticas neoliberais, os principais dirixentes do capitalismo mundial dubidaron e tiveron medo, as declaracións de Bush, Sarkoky, Díaz Ferrán... significaban que existía a posibilidade de propor outras políticas desde abaixo, incluíndo a esixencia da socialización de parte do sistema financeiro. Os pobos non compareceron e a normalidade restableceuse. As grandes mobilizacións en Portugal, Reino de España e Grecia contra as políticas de austeridade en 2012 foron a segunda oportunidade para unha confluencia que non se produciu. A Hipótese Varoufakis, as políticas en marcha do Goberno Tsipras son a terceira oportunidade para acabar coas políticas de austeridade e desigualdade europeas. Mais, o pobo grego necesita urxentemente a solidariedade dos pobos europeos. Merkel, Weidmann e Draghi deben saber que a chantaxe á vontade libre do pobo grego deslexitimará definitivamente as súas políticas no sur de Europa. A solidariedade debe manifestarse en mobilizacións nas rúas. As esquerdas realmente existentes deberían convocar unitariamente mobilizacións en defensa da democracia e do respecto pola decisión democrática grega.
Se a presión da Troika acabase coa Hipótese Varoufakis pecharíase a posibilidade dunha reformulación progresista da Unión Europea e da Eurozona, Europa sería o definitivamente o espazo da austeridade e da desigualdade en ascenso. A elite europea estaría a convidar o pobo grego a explorar a Hipótese Lapavitsas, que é a posición defendida polo KKE, e o abandono do euro. A cegueira e brutalidade das elites ampliaría, asemade, o espazo dispoñíbel para o crecemento da extrema dereita. As pezas móvense lixeiras sobre o taboleiro. En que rematará esta partida?

Xabier Pérez Davila, Vigo, 31 de xaneiro de 2015

Varoufakis e Lapavitsas. O dilema grego é o dilema europeo
comentarios