Opinión

I. Socialismo, para que?

O autor enceta con este unha serie de catro artigos nas vésperas do centenario da Revolución Rusa de 1917 (25 de outubro segundo o calendario xuliano vixente naquela altura na Rusia zarista e 7 de novembro segundo o calendario gregoriano, o que rexe agora mesmo en practicamente todo o mundo).

Cen anos despois. Socialismo? En Europa e agora.

Unha sociedade socialista permitiría eliminar ou reducir a pobreza e a exclusión social, combater a alienación e a explotación no traballo, iniciar políticas multisectoriais contra a discriminación económica das mulleres e facer un pouco menos difícil a adaptación do sistema económico aos límites físicos do planeta.

1.-Desde 1820 o capital, en relación antagónica ou de colaboración co movemento obreiro, promoveu un xigantesco desenvolvemento das forzas produtivas que permitiron aumentar a esperanza de vida, mellorar a alimentación e xeneralizar o acceso a bens e servizos antes reservados ás clases privilexiadas. En definitiva un aumento exponencial da riqueza dispoñíbel para cada ser humano e das súas posibilidades vitais. Porén, desde hai 40 anos os niveis de pobreza relativa, exclusión social e desigualdade aumentan en practicamente todos os Estados, desde os neoliberais Estados Unidos até a corporativista Alemaña.

2.-A aplicación da ciencia e a técnica, incluíndo a automatización, a robótica e as tecnoloxías da información, ao proceso produtivo non serviron para reducir na medida en que hoxe sería posíbel a alienación e dureza do traballo, tal como propuxeran Marx e Keynes. Ao contrario, a experiencia física e psicolóxica das traballadoras e traballadores é dunha esixencia crecente que esgota a súa vitalidade corporal e intelectual, véxase cadeas de produción, centros de chamadas, transporte de comidas a domicilio, as kellys.

3.-As mulleres, en todas as sociedades, traballan máis horas que os homes, reciben salarios e ingresos máis baixos e posúen un patrimonio inferior. A dupla ou tripla carga, traballo asalariado, reprodutivo e de coidados, tradúcese en que as mulleres de 35 a 55 anos padecen tres veces máis doenzas producidas polo estrés que a media de toda a poboación adulta. Eliminar esta discriminación esixe a participación dos homes no traballo doméstico, para o que será necesario un labor educativo e lexislativo continuado, e a súa parcial socialización, comedores escolares e de empresa, escolas infantís 0-3 anos, servizo universal de atención ás persoas dependentes

4.-O desafío máis importante que afrontamos como especie é a crise ecolóxica e a mudanza climática. O motor capitalista de creación incesante de necesidades e de aumento continuado da produción, a emulación no consumo alimentada pola desigualdade social, a capacidade de manipulación informativa que fornece a acumulación de riqueza en sectores como o dos combustíbeis fósiles ou a industria alimentar dificultan o camiño cara a unha economía que renuncie ao crecemento como obxectivo prioritario.