Opinión

Salarios en disputa

Após o remozado cosmético do sistema público de pensións, patrocinado pola vicepresidenta Yolanda Díaz e os sindicatos estatais sobre a súa actualización, este outono abordaranse os aspectos máis angulosos dunha reforma que, ao ditado da Unión Europea, se anticipa fortemente regresiva para a clase traballadora.

Un axuste, en chave abertamente neoliberal, que sobre o pretexto da falsa insustentabilidade do sistema proxecta engadir novas dificultades para o acceso á xubilación e, o que que é inda máis grave, seguir a avanzar no empobrecemento das pensións públicas. Unhas retribucións que en Galiza son as segundas máis baixas de todo o Estado, con pensións que en promedio se sitúan no limiar do raquítico salario mínimo.

Aumentar o período de cómputo até os 35 anos, dos 25 actuais, inda con mecanismos de corrección parcial como os que agora promete o ministro Escrivá, producirá unha minoración do importe das pensións que pode chegar a atinxir un 20%. Cumprir con Bruxelas é de novo o mantra utilizado para xustificar esta pretensión. Alúdese á necesidade de reducir o custo do sistema público de pensións, obviando que en termos comparados o Estado español continúa significativamente por baixo da media da zona euro e de estados da súa contorna, como Francia ou Italia, en relación ao peso das pensións contributivas sobre o PIB.

Mais, no fondo, o que se atopa detrás deste tipo de recortes é a disputa polo salario. Non só minguando as retribucións no retiro laboral (as pensións), senón facilitando que os salarios se difiran a través de plans de empresa ou plans privados, que só benefician fiscalmente á patronal, ceban a grande banca e non cotizan á Seguridade Social.

A batalla contra os salarios é o vieiro principal para transferir os custos do actual contexto de crise ás maiorías sociais, converténdoa nun novo saqueo contra o pobo. Un mecanismo intrínseco á explotación capitalista que agora vese agravado polo impacto dunha inflación disparada que engule a capacidade de compra das clases populares, comprometendo directamente a subsistencia material dos fogares.

Neste sentido, o incremento dos salarios nas revisións de convenios realizadas no que vai de ano permite tirar dúas conclusións. A primeira é que o feito de na Galiza contarmos cunha forza sindical propia que alenta a conflitividade e a mobilización, como é a CIG, explica que se lidere a suba salarial no conxunto do Estado, máis de 3 puntos por encima da media, cun aumento medio do 5,7%. No entanto, permite cifrar tamén o alcance da inflación que foi no pasado mes de xullo do 11,5%. A diferenza non é nin moito menos unha cousa menor.

Hai que ter en conta o feito de que preto do 40% da poboación asalariada en Galiza ten ingresos por baixo do salario mínimo. Unha porcentaxe que non deixa de aumentar nos últimos anos, por volta dun 13% desde 2009, empurrada pola brutal temporalidade e a cada vez maior parcialidade dos empregos (case un terzo dos contratos non son de xornada completa). Maior empobrecemento salarial e tamén maior desigualdade. Así o evidencia que os ingresos da poboación que cobra 10 veces o SMI teña medrado nos últimos anos o duplo que os restantes grupos, cobrando 93 veces máis que o grupo cos menores salarios.

Diante desta nova ofensiva antisocial, ditada polo gran capital, instrumentada pola UE e executada polos gobernos, cómpre defendermos con determinación e firmeza a defensa dos salarios e das pensións públicas. O que esixe, antes de máis, insistir na necesidade imprescindíbel de botar abaixo integramente as reformas laborais e das pensións aplicadas desde 2010 polos sucesivos gobernos de PSOE e PP. Non como meta, se non precisamente como punto de partida para a efectiva recuperación dos dereitos da clase traballadora e como condición de posibilidade para unha saída socialmente xusta e galega á crise. 

Comentarios