Opinión

Os non tan humanos

O pobo galego sempre tivo a emigración moi presente, tanto que se reflexa no imaxinario colectivo co refrán "hai galegos até na lúa".

Porque en cada época podía cambiar o lugar de destino, mais non o feito de que uns poucos tiveran que marchar na procura dun futuro mellor e, se o atopaban, axudar aos seus familiares, amigos e veciños a ir xunto deles. Un exemplo é o da miña zona, a Costa da Morte, onde a emigración no século pasado dirixiuse principalmente a Suíza. Dise que Delemont ten unha pequena Camariñas dentro dela debido á cantidade de familias que marcharon para alá no transcurso dos anos setenta e oitenta e hoxe por hoxe ambas vilas están irmandadas.

Porén, a relación entre os suízos e os galegos non sempre foi tan cordial. 

Durante os anos cincuenta e principios dos sesenta, cando aínda non existían acordos para a regularización deste fluxo de persoas entre o Estado suízo e o español, déronse situacións que teñen ecos na actualidade. Por aquel entón, algúns sectores da política e a prensa sinalaban a emigración galega como a culpable do aumento das cifras na delincuencia, cifras que, por outra banda, non quedaban nada claras. Acusacións de ser vagos, incultos ou sucios así como asocialos co roubo, o vandalismo e as violacións formaban a imaxe dos galegos nos titulares helvéticos. 

Todo isto cambiaría durante os últimos anos sesenta e primeiros anos setenta cando ambos países realizaron tratados para regularizar a situación destas persoas. Con iso logrouse mellorar a imaxe dos galegos e galegas no territorio suízo ao acabar coa meirande parte desas prácticas difamatorias e acadar a cordialidade que impera na actualidade. Pero, como dixen, esas fórmulas teñen o seu eco no presente.

No Estado español vemos casos como o dos "menas". Estes rapaces e rapazas son asociados constantemente á delincuencia ou a elementos como pagas estatais de cifras estratosféricas, todo baixo datos de dubidosa procedencia e que xa foron rebatidos demostrando a súa falsidade en múltiples ocasións. Pouco importa isto nos sectores políticos que continúan a usar estas imaxes como arma dialéctica coa intención de alimentar a súa popularidade a costa dos máis desprotexidos. O mesmo acontece cos emigrantes xa adultos que acceden a península coa esperanza de prosperar. Moitos deles percorren grandes distancias nas que chegan a arriscar as súas vidas para lograr o seu obxectivo. Perden o pouco que teñen para custear a viaxe e ao chegar á terra prometida non teñen nada co que empezar a súa nova vida, o cal acaba por deixalos nunha situación de vulnerabilidade a expensas de distintos axentes dispostos a aproveitarse da súa posición mediante a explotación laboral e o rédito político.

A deshumanización dos suxeitos é imprescindible para o posterior uso dos mesmos con distintos fins. Esas fórmulas que se utilizaron contra o pobo galego no pasado xa se utilizaran anteriormente noutros contextos e, a día de hoxe, seguen a poñerse en práctica. Con elas, créase unha situación marxinal para estas persoas e posteriormente explótase esa imaxe con fins políticos ou laborais que só afondan máis na problemática e impiden a súa solución. Xa non falemos da situación actual na fronteira de Bielorrusia e Polonia, onde se produce unha deshumanización case completa destes suxeitos que pasan a ser utilizados como unha arma, desta vez xa non só dialéctica.

A solución a todo isto non é sinxela, nin moito menos, pero sen dubida ningunha comeza por deixar de identificar os vulnerables e desesperados como o inimigo. Tamén é imprescindible aceptar a participación activa que tiveron os Estados do norte global na situación actual destas persoas mediante as súas intervencións para con eles ao longo da historia e, tras iso, constituír políticas activas que se afasten do actual paternalismo nos territorios orixinarios e da oposición frontal nos receptores. 

Comentarios