Opinión

'A vida dos outros' e David Fernández

Supoño que moitos dos nosos lectores, María, lembrarán a película A vida dos outros. O filme retrata a espionaxe que sofren na RDA, ás mans da Stasi, unha parella opositora ao réxime, formada por un coñecido escritor e unha actriz de teatro. Ambos son sometidos a unha vixilancia extrema, paranoica, por todos os medios imaxinábeis, coa intención de descubrir calquera indicio de actividade subversiva.

A película veume á cabeza varias veces nas últimas horas, mentres lía a documentación oficial que serviu de base para un artigo que publicamos en VilaWeb esta semana, no que destapamos a espionaxe ordenada pola Audiencia Nacional española contra David Fernández, o ex deputado da CUP e persoa esencial nos Països Catalans en todo tipo de accións e organizacións progresistas.

David Fernández e outros dirixentes independentistas foron espiados de forma masiva, con todos os medios ao seu alcance, buscando quen lideraba o Tsunami Democràtic, o movemento de protesta que apareceu en 2019 para canalizar as protestas contra a sentenza aos presos políticos cataláns.

A documentación contén transcricións de conversas privadas que calquera persoa entende de inmediato que non teñen ningunha relevancia política, nin poden interesar a ninguén, máis aló do círculo íntimo do espiado.

A intromisión na súa vida privada, como na de calquera outro espiado por estes métodos é repugnante. Aínda máis cando incluso a propia Garda Civil explica ao xuíz en diversas ocasións que non atopa nada do tema que quería e esperaba atopar. Pero o caso é que iso non lles impide espiar e reproducir conversas privadas de todo tipo, aqueles tipos de conversas que todos sostemos no noso día a día cos familiares e amigos máis próximos.

Vale a pena dicir que resulta interesante, a este respecto, a desesperación dos espías españois ao ver que non conseguen infiltrar o móbil de David co Pegasus. E cando se dan conta e comentan que garda medidas de seguridade e non fala do que eles quererían que falara a través dos canais que eles quererían, insinuando que o fai a través de medios aos que eles non chegan. E digo que é interesante porque iso indica que as súas capacidades son menores do que pensamos, pero tamén que David, como moita máis xente neste país –e espero que isto aconteza tamén na Galiza–  sabe protexerse contra esta intromisión e faino ben.

Pero que o espiado saiba defenderse dos espías non retira nin un gramo de gravidade a esta actuación dos xuíces españois, a esta espionaxe salvaxe, descontrolada e indecente da que tanta xente no noso país foi obxecto por parte das institucións españolas.

Porque cando hai unha espionaxe masiva, prospectiva, como a que o Estado español desencadeou contra o independentismo catalán, son demasiadas as regras básicas da convivencia que quedan quebradas e violentadas.

Estamos diante dunha agresión fortísima aos dereitos inherentes a cada persoa, no que atinxe á súa privacidade e dignidade. Pero tamén porque é un abuso de poder por parte das autoridades e do Estado, que conduce perigosamente a unha sociedade totalitaria onde os cidadáns podemos atoparnos sometidos a un control constante das nosas vidas. E porque rompe, ou polo menos mina severamente, a confianza entre as persoas e as institucións, con todas as consecuencias que iso ten, inevitablemente, para a cohesión social.

Comentarios