Opinión

O tempo dos milagres

As cortes españolas posfranquistas reuníronse por primeira vez en Madrid o 22 de xullo de 1977. Estamos a falar, por tanto, de hai uns dezasete mil días. Naquela primeira sesión xa houbo deputados cataláns, galegos e vascos que puxeron sobre a mesa o tema da lingua, a necesidade de que aquela cámara parlamentaria reflectise a realidade plurilingüe e plurinacional do Estado español. Non lles fixeron caso nin se lles fixo caso nunca.

Mesmo na lexislatura pasada, até hai catro días, a presidenta catalá do congreso, Meritxell Batet, sacou da tribuna de maneira constante aqueles deputados que pretendían exercer a normalidade. Creo que Albert Botran da CUP tivo o récord sendo expulsado seis veces da tribuna. Carafio! E agora, de súpeto, atopámonos con que, sen máis nin menos, poderase falar nas nosas linguas -e en occitano, asturiano e aragonés- sen ningún problema e xa no intento de investidura de Feixoo, que supoño, María, que non falará en galego.

O mesmo, pero máis gordo aínda pasa en Europa. Vós os galegos xa podedes usar a vosa lingua na Unión Europea como parte que sodes da lusofonía, pero os cataláns e os vascos hai décadas tamén que reclamamos este dereito. E dicíasenos, unha vez e outra, que iso era imposíbel. Que só podían ser oficiais as linguas de Estado, dicían primeiro. Despois, que unha lingua non podía ser oficial se non o era en todo o territorio do Estado. Máis tarde que era un precedente que non aceptarían os outros Estados. E de súpeto, outra vez, da noite ao día todos os obstáculos caeron. Junts puxo como condición a Pedro Sánchez para pactar a presidencia de Francina Armengol que España pedise a oficialidade na UE das tres linguas e que se confirmará na reunión do Consello do 19 de setembro.

De momento, sabemos que España efectivamente rexistrou a solicitude, que consta no programa oficial da reunión e tamén que nos últimos dez anos todas as votacións no consello foron sempre favorábeis. En Vilaweb repasamos as 1.128 votacións que se deron nestes anos e nin unha soa foi negativa. Co cal non hai outra explicación que cando un tema entra ao calendario da reunión xa ten asegurado o voto afirmativo. Así que, milagre, milagre, imos atopar dentro de dez días con que o galego, o euskera e o catalán adquiren status oficial na Unión Europea, cousa que ten implicacións moi fortes para o día o día dos cidadáns, non só con respecto ás institucións de Bruxelas.

E un terceiro milagre aínda: a amnistía. Que non, que era unha cousa de tolos, que iso non podía ser de ningunha maneira, que a constitución non a permitía... Ben, é verdade que aínda non se concretou, pero é evidente tamén que todo o mundo a ten asumida e que xa a andan redactando uns e outros.

Desde que nos fomos de vacacións, María e Amagoia, entramos no tempo dos milagres. Cousas que eran imposíbeis fanse realidade de súpeto cunha facilidade abraiante. A pregunta é: por que pasan os milagres?

Non me meterei agora na teoloxía, pero estas cousas non pasan nunca así como así. É evidente que o PSOE xa non pode, nin poderá nunca xamais, gobernar en solitario en España. Pero máis aínda: é evidente que o PSOE e Sumar, ou calquera invento que se queira fabricar neste sentido, non poden, nin poderán nunca xamais, gobernar en solitario en España. Sumar conseguiu absorber Compromís e Mes no País Valenciano e as nosas illas, pero xa non hai máis onde rascar. Non arrastrará nunca o BNG, nin Junts, por suposto tampouco o PNV e, aínda que se lle achegaron moito, non parece probábel que o faga con Esquerra Republicana e Bildu.

E de aquí vén o milagre. Pasaron máis de dezasete mil días desde a transición e os partidos nacionalistas e independentistas souberon crear un espazo irreversíbel de poder. Se, ademais resulta que sete votos chave dependen dunha figura como a do presidente Puigdemont, que ten a credibilidade necesaria no sentido que non lle tremerá a man ante o PSOE, entón o imposíbel faise realidade. Pero non esquezamos que, como na vida relixiosa, todo ten unha explicación.

Comentarios