Opinión

O noso futuro

Este será o último Galeusca de Directores da tempada e tamén o último con Martxelo Otamendi. Así que me apetece falar do futuro que nos espera. De momento, o máis inmediato é un verán inusual. Porque haberá eleccións españolas o 23 de xullo e a sesión de investidura do que será o primeiro ministro de España levarase a cabo nin máis nin menos que o día 17 de agosto. Os xornalistas quedamos sen vacacións este ano debido ás présas de Pedro Sánchez, pero faremos todo o posíbel para explicar aos lectores unhas eleccións que nos nosos tres países, pero tamén e sobre todo en España, serán determinantes para o futuro inmediato.

Se acaba habendo, como indican as enquisas, un goberno do PP e Vox, é bastante evidente que isto aumentará a tensión entre os nosos países e España. Tan só unhas semanas despois da sesión de investidura, celebrarase a Diada en Catalunya e podemos imaxinar desde agora mesmo que a asistencia á mesma será un pulso do nivel de indignación da xente.

Con todo, o que poida ocorrer a curto prazo é pouca cousa en comparación co futuro a longo prazo. Talvez debido á miña formación como historiador, sempre estiven convencido da importancia da "longa durada", ese concepto co cal o grande historiador francés Fernand Braudel sacudiu as ciencias sociais en 1958. Braudel reformulou a idea mesma do paso do tempo e propuxo entendelo non como un simple parámetro cronolóxico no que se depositan os feitos que suceden, senón como un verdadeiro construtor social. Con esta visión en mente, o enfrontamento entre os Países Cataláns, Euskal Herria e Galiza contra España, que en definitiva é o gran tema central da historia da península, inclinouse ao noso favor debido ao fracaso de Madrid á hora de presentar algún proxecto integrador. A década dos oitenta, con aquel primeiro Felipe González que parecía algo aínda, foi o momento en que os españois estiveron máis perto de reconfigurar ao seu favor a batalla. Pero fracasaron. Recordo que en 1992 Juan Carlos entrou ao Estadio Olímpico na inauguración dos Xogos ao son de "Els Segadors", algo que hoxe sería literalmente impensábel.

Os nosos pobos, en vida nosa, avanzaron moito e non é que o teñamos fácil para gañar, -os cataláns comprobámolo en 2017- pero o futuro, querido Martxelo, querida Maria, está máis perto de ser noso que deles. Un abrazo aos dous.

Comentarios