Opinión

Martxelo

Esta semana volvémonos atopar os tres xornalistas que asinamos esta páxina en Donosti. Foi un novo Galeusca presencial, nunha semana chea de actos para conmemorar os vinte anos de Berria e a substitución na dirección do xornal. De Martxelo a Amagoia Mujika.

Non teño ningunha dúbida de que Berria, da man de Amagoia, seguirá sendo o magnífico diario que é e que afrontará con seguridade os novos retos que veñen.

Dixen e repetín moitas veces que por ambición, rigor, presentación, calidade, Berria é hoxe un dos mellores diarios de Europa. E que demostrou que o número de falantes dunha lingua non é ningún obstáculo para facer xornalismo de grandísimo nivel. E estou seguro que iso vai seguir sendo así. Os grandes diarios nunca dependen dunha soa persoa.

Pero, dito isto, que queren que lles diga? A min vaime custar non ter a Martxelo enviando mensaxes ou chamando en calquera momento para preguntar isto ou aquilo.

Martxelo é un símbolo da liberdade de expresión e da persecución política da prensa e do pobo vasco

Como todos imos cargándonos de anos, xa chega un momento en que seleccionamos ben de quen aprendemos na vida, na profesión. E para min, Martxelo Otamendi foi un piar fundamental. Nas dúas cousas. Compartimos días dunha ilusión enorme e días dunha decepción inmensa. Sobre Euskal Herria e os Països Cataláns. Sobre o mundo. Sobre a marcha desta profesión que nos gusta como poucas cousas máis.

Martxelo, iso sábeno todos os lectores, é un símbolo da liberdade de expresión e da persecución política da prensa e do pobo vasco. Iso faino un xigante. Pero Martxelo é moito máis.

Ao seu lado aprendín moitas cousas, pero sobre todo a honradez, a ambición e a alegría. Lembro as conversas que sostiñamos aquela terríbel mañá dos atentados de Al Qaeda en Madrid e a súa brutal honradez á hora de analizar o que estaba a pasar. Recordo, divertido, as veces que me explicou aquilo de enviar un xornalista de Berria aos Xogos Olímpicos e reclamarlle que sentase na primeira fila e preguntase antes que ninguén. Esa ambición de ser un diario grande como calquera outro dos grandes. E teño na súa alegría permanente un espello no que mirarme. Sempre falando a esa velocidade dobre que usa, sempre rebaixando a tensión, sempre coa broma a punto.

Martxelo Otamendi deixa ao pobo vasco un diario libre, que el contribuíu como o que máis a crear. Espero que agora o goce como lector durante moitos anos.

Comentarios