Opinión

O libro da señora Carrère d'Encausse

Esta semana soubemos que Hélène Carrère d'Encausse foi galardoa co Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2023. Xa podedes imaxinar, Martxelo e María, que o premio en cuestión non ten ningún interese para min, però Hélène Carrère d'Encausse si. Ten moito interese, teño un grande interese nela e por iso me gustaría aproveitar esta semana o artigo para explicalo.

Cando eu empezaba a traballar de xornalista e quería saber o que estaba a pasar na Europa do Leste e a Unión Soviética, un dos territorios do mundo que ao final me ocuparían máis tempo, Hélène Carrère d'Encausse publicou un libro que cambiou a miña vida e a miña maneira de entender aquel espazo, L'Empire éclaté. Estou a falar de primeiros dos anos oitenta, moito antes da desaparición da URSS en 1991.

Naquel volume Carrère d'Encausse anticipábase a todos e prognosticaba a desintegración e caída da Unión Soviética, unha perspectiva que en 1978 creo que só ela e un par de persoas máis podían ter en todo o mundo. O libro era sinxelamente espectacular, construído cunha solidez enorme e, como se viu, profético.

Carrère d'Encausse soubo ver que a Unión Soviética estaba podrecida e ía estalar, mais errou á hora de explicar como ía pasar

Pero aquí empeza a segunda parte, que a min me interesou sempre case tanto como a primeira.

Carrère d'Encausse acertou a ver unha cousa que ninguén máis soubo ver: que a Unión Soviética estaba podrecida por dentro e ía estalar. E iso ten un mérito intelectual incríbel. Pero en cambio equivocouse por completo á hora de explicar como ía pasar.

A súa tese era que as repúblicas musulmás de Asia Central farían estalar a URSS pola presión demográfica e iso non pasou. Non foi este, nin é hoxe, o problema. O que significa que acertou o principal, o substancial, o difícil, pero errou completamente no diagnóstico. E esta é unha cousa que a min me fixo pensar moito ao longo dos anos.

Ao final os xornalistas somos soamente uns historiadores impacientes, para seguir coa coñecida frase de Jean Lacouture. E por tanto compartimos con eles moitas cuestións de método, de tecnoloxía, de maneira de encararmos a realidade.

E por iso a min sempre me serviu o exemplo de Carrère d'Encausse para pensar como xornalista, entendendo e asumindo que é posíbel ver perfectamente o fondo da pintura, ao mesmo tempo que podo equivocarme nos detalles. Como lle pasou a ela.

Comentarios