Opinión

A importancia da rúa

No momento en que escribo este artigo aínda non sabemos nada da decisión dos xuíces sobre os indultos aos presos políticos, así que me centrarei na outra noticia relevante da semana, que foi a celebración da Diada.

Este ano conmemorábanse os dez anos da Via Catalá, aquela extraordinaria cadea humana que atravesou boa parte do país, desde El Voló a Vinaròs. Aquela, sen dúbida, foi unha demostración enorme de forza que catapultou a aparición de Junts pel Sí e a celebración do referendo de autodeterminación do Primeiro de Outubro. Coincidiu, ademais, co décimo segundo aniversario da primeira gran manifestación independentista.

Nestes doce anos só a pandemia impediu á xente, durante dous anos, ocupar a rúa. E este ano vimos como había máis xente que o anterior, que xa mobilizou máis xente á súa vez que o anterior, o primeiro tras o parón sanitario obrigado.

Gustaríame explicar aos lectores de Nós Diario que a manifestación da Diada é moi diferente das manifestacións que ven habitualmente. Pola enorme diversidade dos seus participantes –que é a que en definitiva explica o seu volume–. 

Nas situacións ilusionantes ou nas decepcionantes. Alí está sempre a xente, como dicindo que eles non se moven, que queren a independencia e que non van parar de ningunha maneira nin baixo ningunha condición

Eu sempre digo que só me preocuparei se un día, nesta manifestación –e nas demais, tamén, pero sobre todo nesta– deixo de ver esta mestura fascinante que fai a forza do movemento pola independencia. A pasada segunda feira apenas chegara á Gran Vía cando xa saudara –e dera as grazas polo esforzo de estar alí– a unha muller maior con evidentes dificultades físicas que acompañaba á súa familia, os netos con esteladas nas mans, os maiores coa camiseta da ANC. E iso só foi o prólogo. 

Quedei quieto nunha esquina e durante dúas horas desfilaron por diante de min xente nova e xente maior, de toda clase e condición. Grupos de amigos e grupos organizados de todo tipo. Familias e xente solta. Cidadáns que se ían atopando e abrazábanse e preguntábanse como ía todo. Xente chegada de todos os Països Catalans que falaba catalán con orgullo, pero que tamén se deixaban escoitar falando diversas linguas. Xente chegada nos famosos autocares, desde moi lonxe, e xente que chegou en metro desde Barcelona e a área metropolitana. Xente de vestimentas diversas, reflexo circunstancial precisamente da transversalidade social, xente que levaba esteladas e bandeiras. E algunhas ikurrinas e bandeiras estreladas galegas. E pancartas, e unhas pancartas pequenas, de man, que nestes últimos anos tiveron tanto peso á hora de dar voz ao pobo, á hora de desfacerse de consignas oficiais.

A persistencia con que nos atopamos con isto cada ano é o que ao final explica a forza do movemento independentista catalán. Nas situacións ilusionantes ou nas decepcionantes. Cando todo parece fácil ou cando parece máis difícil, non importa. Alí está sempre a xente, como dicindo que eles non se moven, que queren a independencia e que non van parar de ningunha maneira nin baixo ningunha condición. E que a clase política debe atender e canalizar a súa demanda. Pasados xa seis anos de represión e violencia, volver ver camiñar a decenas de miles de persoas con esta convicción é a mellor noticia posíbel.

Comentarios