Opinión

Guillem

Esta semana fixéronse os 30 anos do asasinato de Guillem Agulló, un mozo independentista e antifascista valenciano que foi asasinado por un grupo de nazis nunha emboscada.

Trinta anos despois Guillem Agulló é un símbolo para todo o país, unha persoa á que se lle rende honra en forma de cancións, de rúas e prazas dedicadas, de murais, de películas, de pósters, de escolas, de premios como o que as Cortes Valencianas instituíron no seu nome, de todas as maneiras posíbeis. Ata o punto que dicir Guillem é equivalente a dicir Guillem Agulló.

O seu asasinato o 11 de abril de 1993 foi un golpe durísimo pero foi tamén unha auténtica aldrabada na conciencia do país, especialmente no País Valencià. Da súa morte pódese dicir que naceu unha xeración de mozas que cambiaron a realidade facendo de Guillem a súa razón inspiradora. Na cultura, na política, socialmente...

Trinta anos despois, esta terza feira Guillem foi lembrado de novo, de diversas maneiras. Sobre todo na súa cidade natal, en Burjassot, onde unha manifestación percorreu as rúas ao berro de "Guillem Agulló, ni oblit ni perdó".

Pero trinta anos despois, Martxelo e María, ides deixar que remarque o papel determinante que xogou a súa familia para que Guillem se convertese no símbolo amado por tantos que hoxe é. 

O seu pai Guillem, a súa nai Carme e as súas irmás Betlem e Carmina, loitaron o indicíbel para dignificar a súa vida, truncada aos dezaoito anos, e a súa memoria. Tiveron que aguantar os intentos do Estado e de certa prensa local de desdebuxar o carácter político do seu asasinato. Tiveron que facer fronte a un xuízo perverso, noxento. E logo tiveron que ver non só como o asasino saía de prisión senón como se presentaba ás eleccións nunha lista de extrema dereita.

Foi moita a xente que lles axudou neste camiño. O grupo Obrint Pas, que lle dedicou unha das súas cancións máis emblemáticas; a escritora Núria Cadenes, que escribiu un libro magnífico sobre el, os amigos que Guillem tiña, a asociación Bassot de Burjassot, a esquerda independentista, os avogados que se puxeron desde o primeiro minuto ao seu lado, as organizacións antifascistas.

Pero quero recalcar que eles catro souberon converter o seu fillo no fillo de todo o país, no irmán de todo o país, no pai de moitas das cousas que están a pasar neste país. E por iso, quérolles dar as grazas.

Comentarios