Opinión

Google contra o catalán

Un estudo publicado esta semana por un grupo de institucións catalás demostrou finalmente o que desde hai meses é unha constatación empírica: que algún cambio no algoritmo do famoso buscador tivo consecuencias tráxicas para a internet catalá.

Concretamente o estudo analizou 639 páxinas con versións trilingües, constatando que as versións en catalán das mesmas perderon tráfico en dous de cada tres casos, tráfico que se foi á versión en español, non á versión en inglés, nun 80% dos mesmos.

O estudo descarta que isto sexa consecuencia dunha decisión política, confirma que –contra o que se tiña especulado nalgún momento– Google distingue perfectamente entre o catalán e o español e por tanto reduce moito as posíbeis causas deste cambio no buscador.

Desde hai meses cando entras a Google os contidos en catalán aparecen subordinados ao español

Non sei, Martxelo e María, se nos vosos países este tema levanta a polémica que levantou aquí, pero a realidade é que por culpa destes cambios o catalán quedou moi escurecido na rede. Desde hai meses cando entras a Google os contidos en catalán aparecen subordinados ao español ao sur e ao francés ao norte e isto significa unha minorización da lingua que se suma á que vivimos xa fóra da rede.

Todo indica que este cambio tería a ver con estratexias comerciais de Google, postas en marcha sen que eles mesmos fosen conscientes da situación que ían provocar. E houbo reaccións públicas de Google expresando a súa preocupación polas protestas dos usuarios cataláns. Pero o caso é que van pasando as semanas e nada cambia.

O informe pode ser moi positivo, porqué está moi ben documentado e demostra a Google, entre outras cousas, que está a faltar ao seu compromiso cos usuarios que así o queren de priorizar a lingua catalá como primeira. Pero máis aló disto é un recordatorio de que o combate pola normalidade é hoxe máis complexo que nunca.

Comentarios