Opinión

Dragon Khan

Hai anos inaugurouse un parque temático preto de Barcelona que tiña unha atracción que sobresaía sobre as outras. Chamábase Dragon Khan -non sei se o escribo ben- e esta marca, os xornalistas, afixémonos a usala para definir o goberno de entón, que era o tripartito de esquerdas encabezado por Pasqual Maragall. Recordaredes os vaivéns tremendos polos que pasou aquel goberno, empezando pola destitución de Josep Lluís Carod-Rovira, o equivalente a Jordi Puigneró, despois da súa famosa entrevista con ETA en Perpiñán. Desde entón pasaron unha chea de cousas, pero a política catalá practicamente xa non se moveu do Dragon Khan.

Un coñecido xornalista italiano definiume unha vez a política catalá dicindo que era máis acrobática aínda que a italiana, cousa que me sorprendeu

Non é porque si nin por ganas de espectáculo, evidentemente. Poñer en marcha un proceso de independencia non é facer política normal e en consecuencia non se pode esperar unha calma chicha no medio desta viaxe. Un coñecido xornalista italiano definiume unha vez a política catalá dicindo que era máis acrobática aínda que a italiana, cousa que, podedes imaxinar, María e Martxelo, me sorprendeu.

Pero o caso é que a realidade é cabezona. E esta semana os políticos cataláns volveron poñelo todo patas para arriba coa petición de Junts, durante o debate de política xeral, de que o presidente Aragonès se someta a unha cuestión de confianza. Cousa que o president non quere nin oír porque sabe que a perdería: nin a CUP nin Junts, os dous socios de investidura, lle darían os seus votos hoxe.

E aquí estamos. Junts ameazou o president Aragonès cunha cuestión de confianza. O president respondeu destituíndo o vicepresidente Puigneró para provocar que Junts se fose do goberno. E Junts, de momento non se foi. Din que lle dan até o domingo ao president para rectificar e que, se non, convocarán a militancia para votar que deben facer.

A semana que vén supoño que poderei explicar aos lectores de Berria e Nós Diario como acaba este novo Dragon Khan. De momento só podo dicirlles que nesta parte da Península Ibérica hai cousas que parece que non van cambiar.

Comentarios