Opinión

Barcelona, despois de Madrid

A parte máis fácil, máis sinxela, do proceso de investidura dun novo presidente español xa concluíu: Alberto Núñez Feijóo non será presidente do Goberno español, polo menos non o será agora. Pero isto, repítoo, era a parte máis sinxela do asunto. Todos sabemos, María, que a próxima semana comezará a negociación real, a que podería ter a capacidade de facer presidente do Goberno español, novamente, a Pedro Sánchez. E xa veremos até onde chega e se chega a bo porto, que non está nada claro aínda. O de outubro será un mes de negociacións intensas porque algunhas das claves que poderían facer posíbel un acordo definitivo deberan activarse rapidamente e sen máis dilacións.

De momento é verdade que xa cambiaron moitas cousas en pouco tempo. Desde o uso de todas as linguas no Congreso á petición da oficialidade do catalán, o vasco e o galego en Europa, pasando esta mesma semana polo cambio daquela aberrante definición que vinculaba independentismo e terrorismo diante da Europol. Negar que todo isto está a pasar ou que a lei de amnistía parece encarrilada sería pouco serio. Agora ben, nada indica aínda que o acordo que necesita Pedro Sánchez está definitivamente encarreirado.

Se Junts acaba investindo a Pedro Sánchez e obtén cousas substanciais, o país deberá dar un paso adiante e firme desde o Parlament de Catalunya

E por iso chamoume a atención que Junts elevase o ton no Parlament de Catalunya, chegando a pedir eleccións anticipadas.
Que o actual Goberno da Generalitat é un goberno acabado e sen rumbo sabémolo desde hai moito tempo. Non hai un proxecto visíbel e o pouco que tiña quedou superado pola velocidade do que está a pasar en Madrid. Falar agora do acordo da claridade, como fixo no debate de política xeral o presidente Aragonés, con todo o que se move en Madrid, resulta anacrónico. Pero, neste escenario concreto ten sentido invocar un adianto electoral?

Cun ollo en Madrid e outro en Barcelona, a min paréceme claro que o proceso de investidura ou non do presidente español e o das eleccións catalás están completamente relacionados. Ou deberían estar relacionados. Por iso mesmo dependen cronoloxicamente e deben ir o un detrás do outro. E primeiro hai que ver se Sánchez é investido.

E isto por unha razón elemental. Se Junts acaba investindo a Pedro Sánchez e obtén cousas substanciais, o país deberá dar un paso adiante e firme desde o Parlament de Catalunya, para aproveitar a nova situación creada e rematar o proceso de independencia.

Porque investir a Sánchez por investilo, que graza tería? Investir a Sánchez para crear, grazas aos acordos conseguidos, as condicións para un novo desafío en Catalunya, e concretamente no Parlament, iso si que podería ter sentido. E requiriría, entón si, dun goberno disposto a avanzar á maneira do ano 2017. Que non pode ser o actual Goberno de ERC pero tampouco un hipotético goberno de Junts que substitúa o actual coma se estivésemos falando dunhas eleccións autonómicas normais.

Se en Madrid a acción do independentismo logra cambiar as condicións do xogo, onde se debe xogar forte inmediatamente despois é en Barcelona. E desde Barcelona. Facendo a independencia. Porque, se non é así, para que quereriamos cambiar as condicións do xogo? Paso a paso, pois.

Comentarios