Opinión

A lingua é o patrón

"Normalízase nesta Cámara o que xa é normal para millóns de cidadáns". Cando o outro día soaron no parlamento de Madrid, no Congreso dos Deputados, estas palabras en lingua galega, María, rompeu un tabú que non viña da transición senón de séculos atrás. Nunca nun parlamento español, desde as Cortes de Cádiz, se escoitara falar unha lingua distinta do castelán. E deuse, por tanto, un paso moi importante, como se viu deseguido pola reacción dos fascistas e a dereita en xeral.
A min gústame moito, porque me parece moi comprensíbel, explicalo e razoalo como o fai o sociólogo Benjamin Akzin, cando di que o nacionalismo, e neste punto e neste debate todos son nacionalistas, ao final, só é "o organizador do patrón de semellanza-diferencia coa veciñanza".

Ao final, todo o que nos está pasando é tan simple como iso. E por este motivo, como pasa en calquera conflito nacional, a lingua, especialmente a lingua, molesta tanto aos demais, aos da outra nación. Porque é a diferenza máis visíbel de todas, a que entra polos ollos e polos oídos só con poñerse a camiñar por calquera vila e cidade. Ou só con empezar a falar na tribuna do Congreso dos Deputados español.

A reacción "toureira" dos parlamentarios de Vox, negándose a escoitar, negándose a escoitar fosen cales fosen os argumentos que dixesen "os outros", os diferentes, e esa forma de render de maneira fidalga os aparellos de tradución simultánea, hai que entendela, por tanto, como o símbolo dunha vitoria moi transcendental para as nosas nacións, que cambia non só o que ocorreu nestas últimas décadas, senón o que ocorreu en toda a historia do parlamentarismo español.

É certo que a esquerda española se apunta á cuestión da lingua por oportunismo e conveniencia. É inaudito, neste sentido, que Yolanda Díaz –por exemplo– ministra de Traballo e Economía Social en funcións e líder de Sumar, se escude no seu cargo para renunciar ao galego. Pero, aínda así, non debemos valorar que están obrigados a facelo, finalmente? Que non teñen máis remedio –empurrados en definitiva pola nosa forza–, que facer da necesidade virtude?

Xa veremos como acaba todo isto da normalización das linguas oficiais no Congreso dos Deputados e tamén como acaba o complicado debate sobre a oficialidade das nosas linguas en Europa. E teremos tempo de falar de como encaixan, se encaixan, os feitos desta semana en Bruxelas e Madrid cos movementos políticos inmediatos, dirixidos claramente á posíbel investidura ou non de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado español.

Pero, por encima da política formal e da anécdota puntual, hoxe non quixera deixar pasar a oportunidade de expresar aos lectores e lectoras de Nós Diario sobre todo a miña grande alegría por todo o que vivimos nestas últimas horas. Porque o catalán, o euskera e o galego volveron a ser os grandes protagonistas históricos da nación, o sinal que nos identifica, que nos marca e nos singulariza nese patrón de semellanza-diferenza coa veciñanza que ao final é a orixe de todo. E isto, esta capacidade de ser nós mesmos e de expresar o que somos –e que o vexan os outros e non teñan máis remedio que escoitalo– fainos moito máis fortes.

Comentarios