Opinión

Xa metidos na fariña...

A serie de televisión “Fariña” e o libro de Nacho Carretero (que continúa o traballo de xornalistas como Perfecto Conde, “La Conexión gallega” ou José Luis Manso Preto, “Minho Connection”), xa comentamos a calidade da realización, actuación e demais, é un suceso de seguimento do público, entre nós está a ser enorme, e vai camiño de ser un fenómeno sociolóxico. Vai ter efectos sobre a nosa sociedade, sobre como nos imos ver a nós propios como país e como nos han ver os españois dentro do estado.

Do que tratan o libro e a serie é dunha realidade dunha dimensión económica e social importante, ese capital circulou polo país non só nas rías e alterou as regras do mercado e esa cultura do diñeiro salvaxe alterou tamén a cultura social. Non é brincadeira ningunha. Mais ningún país redúcese a iso e o noso tampouco.

Este país descabezado expresa de todas as formas a autonegación, o autoodio. Aprendéronnos a recoñecérmonos de contado nas formas máis choqueiras e degradadas como algo característico noso, desa maneira naceu “o feísmo”, unha categoría para facermos nós burla de nós mesmos. Manifestacións dese tipo hainas en calquera país, dean un paseo polas rúas de Madrid e verán canto “feísmo” non hai.

Este país descabezado expresa de todas as formas a autonegación, o autoodio

 

O mesmo co contrabando e o narcotráfico. Dean un paseo, se se atreven, por La Línea ou Algeciras.  Os nosos problemas e os nosos defectos non son o que nos define, precisamos ver os motivos de orgullo, non debemos asumir unha identidade sobre que falamos o castellano “con acento” ou que somos uns bárbaros narcotraficantes. O mesmo galeguismo máis tradicional quixo construir unha identidade colectiva sobre aspectos parciais do noso país, o mundo rural e mariñeiro, a tradición preindustrial... Un país verdadeiro é complexo e leva dentro moitas formas e posibilidades.

A Galiza é todo iso tamén, los gallegos “con acento”, os votantes do PP, os narcotraficantes, o mundo rural idealizado que xa non hai, os emigrantes a América, os mariñeiros dos deseños do Castelao... Mais tamén os nosos Reis, os que están enterrados na Capela Real e os que andaron por aí adiante facendo barbaridades e conquistaron Sevilla ou Valencia ou o que fose... E as nosas empresas punteiras nos seus sectores (hai uns anos aínda podía citar “Pescanova”, agora fica en La Castellana e cotiza na comunidade madrileña, onde se non). E os nosos e as nosas creadoras, científicos... Todo ese capital social e humano que non podemos ver nos medios de comunicación que só nos devolven esoutra imaxe deturpada e penosa.

Non pode ser que asumamos a imaxe madrileña de nós, que fagamos rotas turísticas do narcotráfico para os veraneantes que veñan no AVE. E tod@s nós a facer de guías turísticos e camareiros colonizados para os pailáns que veñan aquí ver indíxenas. Antes diso que rompa o AVE e mais a nai que o pariu. Mellor pailáns de nós mesmos que selo para os demais. Un pouco orgullo, cona.

Comentarios