Opinión

Piñeiro, Casares e isto

Continúo co que deixei quedar onte. Non se entende este panorama da cultura institucional galega fóra do contexto histórico: unha Transición democrática controlada desde o propio estado franquista e como se adaptou a esa etapa a liña do galeguismo conservador conducida por Ramón Piñeiro.

Piñeiro, pola súa personalidade, polas dificultades que presentaba o franquismo e tamén pola análise histórica e política que fixo, non foi un construtor de organizacións nin de proxectos colectivos senón que entendeu que había que adaptarse ás estruturas existentes e circular dentro delas. As súas diferenzas co galeguismo republicano supoñen unha verdadeira ruptura e un desvío da liña principal do Partido Galeguista, cousa que foi interpretada por Castelao e o exilio como verdadeira traizón. A súa estratexia política foi moi concreta, conspirar a medio e longo prazo para ocupar as institucións presentes e futuras. Primeiro as institucións existentes, como a Real Academia Galega, e despois as que foran nacendo ao abeiro da nacente autonomía.

A estratexia política de Ramón Piñeiro foi moi concreta, conspirar a medio e longo prazo para ocupar as institucións presentes e futuras

 

Nada máis lonxe da realidade que a dun Ramón Piñeiro inxel, etéreo e desentendido, precisamente para realizar o plano trazado precisaba de moita decisión, constancia, cautela, astucia e secretismo. As brétemas que envolven a súa figura, as dificultades que tería un biógrafo para establecer un perfir seu veraz esquivando acusacións dos seus rivais e tópicos dos seus adictos, explícanse precisamente por ese carácter de conspirador na sombra. Con todo, a cultura burocrática de Piñeiro non estivo nunca ao servizo dun interese particular ou unha ambición persoal senón do que el entendía, dun modo verdadeiro, o mellor para a sociedade e a cultura galega.

Esa reducción da vida pública, social e cultural a un sistema institucional é a que explica os pasos dados por Piñeiro e os axentes baixo a súa dirección. Nun deseño de futuro primeiro estivo o crear a figura de Xosé Manuel Beiras, que acabou zafándose do seu control, e logo a aposta por Carlos Casares como instrumentos e axentes da estratexia.

Ninguén que teña un asento na vida pública ou cultural está aí por casualidade, está porque desexaba estar. Piñeiro e Casares distinguían na vida pública e institucional galega as persoas que procuraban un lugar para satisfacer a súa propia realización persoal das que estaban ao servizo dun plan de país. E iso era entendido como que formasen parte do seu círculo e do seu plan, e quen concorría e competía con eles nese mesmo espazo por ocupar postos por outras razóns particulares eran moi mal considerados. Dicir dureza é dicir pouco.

Piñeiro e Casares distinguían na vida pública e institucional galega as persoas que procuraban un lugar para satisfacer a súa propia realización persoal das que estaban ao servizo dun plan de país

 

“Posición que abandonas, ocúpaa o inimigo”, así se resumía literalmente un modo de proceder, a guerra de posicións, no que o rival é un inimigo e ese inimigo campa no mesmo campo cultural político. Respecto do conflito entre faccións dentro do sistema cultural galego un pode estar máis ou menos de acordo neste ou noutro asunto con uns ou con outros, mais négome a aceptar que a tolerancia fose encarnada por uns ou por outros.

O mesmo que con Piñeiro, quen compre a figura construída de Carlos Casares como un home tranquilo, sereno, tolerante e demais ha estar ben enganado. No caso de Piñeiro, o ocultamento era unha necesidade, no caso de Casares a imaxe de bonhomía e tolerancia era unha arma consciente que opuña con grande éxito ás mostras incontroladas de carraxe e intolerancia que mostraban os seus rivais da cultura e do galeguismo.

O mesmo que con Piñeiro, quen compre a figura construída de Carlos Casares como un home tranquilo, sereno, tolerante e demais ha estar ben enganado

 

O piñeirismo, o galeguismo difuso sen consecuencia política e a cultura da ocupación das institucións de xeito conspirativo, continúa actualmente deste modo estéril e ao servizo xa de nada. Piñeiro e Casares entendían que eles servían e representaban ao país, os sucesores xa simplemente administran o que conseguiron.

Casares foi un narrador importante no devir da novelística na nosa lingua e como comisario da cultura foi intelixente, informado e atento ao seu tempo, moi razoábel nalgúns asuntos, aínda que sempre condicionado polo marco político e o horizonte histórico do piñeirismo. Foi un epígono do grupo Galaxia dos anos cincuenta e un fin de raza da estratexia de Piñeiro, cargou un destino pesado que lle deixou o seu mentor e encarnou mellor que ninguén a táctica da ocupación das institucións.

Cando morreu presidía ou era membro de numerosas entidades, tiña tribuna e lugar simbólico, sendo realmente o único enlace entre a cultura en lingua galega e os cativos poderes políticos e económicos no noso país. Mais, e que quedou de todo aquilo? En faltando el, que supostamente tería de ser unha ponte entre eses dous mundos tan separados e alleos, só houbo un vacío.

O drama da cultura en lingua galega, como consecuencia da falta de élites e liderado nacional, é que vive encerrada nun mundo particular e que o poder político, que era quen podería abrir o fecho, estando ocupado pola dereita ao servizo da corte, o que fai é precisamente fechalo. Tras a morte de Carlos a nosa cultura xa ficou sen interlocutor ante uns poderes provincianos e ignorantes. Poderes que xa nin existen, a chegada de Feijóo foi unha liquidación completa, entregou en bandexa a cabeza da autonomía galega na corte madrileña a cambio dun lugar na mesa naqueles comedores.

Tras a morte de Carlos a nosa cultura xa ficou sen interlocutor ante uns poderes provincianos e ignorantes

 

A falta de sentido nacional, de altura de miras e de autoridade moral nas nosas institucións, que conduce a estampas como as destes días, só reflicten o fracaso histórico dun modo de entender a cultura.

Mentres, existe unha creatividade cultural enorme nunhas novas xeracións que nada teñen a ver con ese ambientes fantasmais que acoran os espíritos, porén tamén esa creatividade precisa unha dirección, unha interpretación das tarefas do noso tempo e unha perspectiva histórica.
 

Comentarios