Opinión

Fóra do búnker

Houbo un tempo no que recibía na casa un xornal ao que estaba subscrito. Houbo un tempo no que escoitaba unha emisora de radio que me era razonábelmente boa de ouvir. Houbo un tempo no que colaborei en prensa en papel galega. Houbo un tempo no que colaborei en prensa en papel madrileña. Hai tempo que deixei de ler prensa en papel. Hai tempo que deixei de ouvir emisoras de radio que non fosen puramente musicais. Fóronnos expulsando, levantaron muros e fortificaron a posición, os medios de comunicación españois, da corte e as súas provincias, son un “bunker” monolítico a defender a monarquía borbónica e unha axenda centralista e ao servizo dun cártel de capitais depredadores.

Volvéronnos, sempre España, a un tempo semellante a aquel no que había que procurar unha visión alternativa da realidade na BBC, en Radio París, Radio Moscú..., en pequenas fendas toleradas en revistas, “Triunfo”, “Cuadernos para el diálogo”, despois “Cambio16”... E así saber ás veces de algunha cousa, o “caso Matesa”, o “caso REACE” ou do “aceite de Redondela”...

É tan evidente a continuidade mesmo humana e física do franquismo que para explicar o goberno que temos hai que procurar a orixe literal no caso do aceite de Redondela

 

(E, por certo, que é tan evidente a continuidade mesmo humana e física do franquismo que para explicar o goberno que temos hai que procurar a orixe literal no caso do aceite de Redondela. A historia de España non pode ser contada como unha crónica ten que ser narrada a través dunha agoniante fábula do Kafka).

Fica a Rede. Se non aparece un medio en papel que nos devolva unha lectura serena, unha pouca tranquilidade, un algo de serenidade. A rede rescátanos individualmente dun poder rancio e autoritario, mais polo de agora non acaba de construír un espazo social común; crea pequenas comunidades, mais non crea unha comunidade extensa como para ser un espazo cívico compartido, transversal e nacional. Niso estamos, polo de agora.

Comentarios