Opinión

Un Xesús "afeminado"

Así como titulo estas liñas puiden ler nos xornais a quen se manifesta contrario ao cartel da Semana Santa sevillana. "Un Cristo afeminado!", proclaman como forma de crítica. Ideas e comentarios que tamén se reproducen nas mesas do noso país con referencia a formas de ser e de vivir distintas á propia.

Os xudeus agardaban, en tempos de Xesús, ao Mesías prometido. Un unxido elixido por Deus que os salvase do exilio, restaurando o Reino de Israel, expulsando o invasor. Cristo, rodeándose de fariseos, saduceos e pecadores, optou nas súas accións e oracións polo pacifismo de quen retrata o outro na súa barbarie.

Desde que Xudea estivo suxeita á autoridade romana, no ano 63 a.C., os xudeus efectuaron máis de sesenta intentos de rebelión para recuperar a soberanía sobre o territorio. Unha das moitas disputas que os enfrontaban era que os romanos lles esixían que recoñecesen, polo menos, un dos seus deuses. O que para os xudeus era un profundo problema teolóxico –xa que mantiñan un pacto inquebrantable con Yahvé– para os romanos era un problema político que sentaba un perigoso precedente nos restantes dominios.

Neste contexto, algúns grupos subversivos iniciaron escaramuzas contra o poder establecido. Os Zelotes comezaron como movemento político-relixioso principiando o século I d.C., opoñéndose firmemente ao goberno romano e a quen colaborase con el. Os Sicarii –disidentes dos Zelotes– loitaron firmemente contra a ocupación portando sicae, ou pequenos puñais, que ocultaban entre as roupaxes.

Estas revoltas produciron numerosos desastres, incluíndo a destrución do Templo, o Éxodo e o suicidio en masa de Masada. Para moitos expertos sería difícil atopar unha actividade terrorista, en calquera período histórico, que influíse tan decisivamente na vida socio-política dunha comunidade.

Xesús, entregado polos seus a unha Roma que lavou as mans, nunca foi o que se esperaba del. Foi máis. O único que sabemos polos textos escritos é que en tempos de violencia el optou pola paz e a humildade. Parecera que dous mil anos despois aínda non entendemos que transcendeu os anos e pasou á historia porque foi quen de entender a forza hercúlea do amor, de dar sen pedir, e de ver sen xulgar.

Comentarios