Opinión

Purgatorio

É domingo pola tarde e chego á miña outra casa. As estancias están frías e pola hora que é xa tocaría ir pensando en facer a cea. Por sorte para min, puiden arramplar con caldo do mediodía que aínda fica morno.

Suspiro pensando que paso dos trinta (ollo! por moi pouco) e aínda ando con maletas, tuppers, e ovos da casa... Poño o pixama, arrombo todo, e entro a Twitter (si, X). Ao pouco leo: "Desolador testemuño dunha anciá de 82 anos".

Abro o enlace e vexo que se trata dunha muller chamada María, que traballou máis de sesenta anos, e que hoxe ten unha minusvalía acreditada de 70%. Di a nova que, pese aos seus problemas físicos, o que máis lle pesa é a soidade. Os seus fillos viven fóra e a súa única compaña son as traballadoras que a visitan diariamente.

Emocionada, María asegura que fai máis unha nai por cen fillos que un fillo pola súa nai. Di que ás veces vale máis ter unha vaca para polo menos poder vendela. María recoñece que olla con envexa cando ve os nenos bicar a seus pais na rúa. E tamén que cando fecha a porta polas noites, a soidade dálle paso ao medo.

Esta nova é interesante por moitas frontes, mais quero destacar dúas. Por un lado, as residencias de maiores e o modelo actual. Un negocio privado, precario e carísimo. E, por outro, a falta de políticas para descentralizar a economía do Estado. O capital tende a concentrarse, e en España pivota libremente entre Madrid e Barcelona.

Por experiencia propia sei que a mesma formación que nos dá a oportunidade de mellorar laboralmente é a que nos priva de ficar preto dos nosos. Así pois, os que non somos carne de gran cidade: non estamos cando se nos precisa, pagamos alugueres por pisos cativos deixando casas boas e novas nos lugares de orixe, vivimos nos camiños e non estamos en ningures.

O purgatorio, propio de tradicións relixiosas como o catolicismo romano, a ortodoxia oriental e algunhas ramas do protestantismo, fai referencia a un estado intermedio posterior á morte no que as almas se purifican antes de entrar ao ceo. A vellez é o purgatorio da vida moderna. O ser humano morre cando deixa de valerse por si mesmo e pasa a planificarse en sofás e camas articuladas.

Ninguén está contento pero todos nos valemos do sistema.

Comentarios