Opinión

É Galicia de dereitas?

Coas enquisas na man, unha importante parte de galegos e galegas votaríanlle hoxe ao Partido Popular. Após catro lexislaturas en solitario, o certo é que ben podería unha preguntarse: é o país de dereitas?

O do Partido Popular parece un voto estrutural de país. O votante conservador desculpa os problemas da terra en favor da tradición, polo que a crise dos plásticos, malia presentarse en plena época electoral, non lle está afectando tanto como puidese parecer.

A hexemonía do PPdeG ten dúas etapas ben diferenciadas. A do PP de Fraga, que cos anos viría a definirse como de centro e nacionalista; e a do PP de Feijóo, que arranca rachando con este consenso pero que irá virando de novo cara a esta liña até falar de país e referirse a Galicia e/ou establecer distinción "cos de Madrid" na crise da Covid-19, coincidindo coas anteriores eleccións.

Así pois, o PPdeG conseguiu acabar coa competencia galeguista á súa man dereita e recortarlle votantes ao resto. Segundo un estudo electoral, nas eleccións de 2016 o PP foi o partido máis votado entre os que tamén se identificaban con un forte sentimento identitario; e un 60% do electorado popular tiña, e ten, como lingua materna o galego –en porcentaxes similares ás do BNG–.

O carácter rural do votante galego é importante. Cunha rede veciñal máis densa que na urbe, a tradición do traballo colectivo e a interdependencia comunitaria fai que a defensa das propias ideas sexa vista como un desafío ao grupo. A política é un tema que divide e que se pena coa mirada.

Retomando a pregunta inicial, é Galicia de dereitas? Non necesariamente. Na actualidade, o liderado dos populares explicase polo control dos medios e o apoio das elites: no contorno urbano, das elites económicas; no contorno rural, das elites sociais.

En concellos pequenos, as listas do PP adoitan conformarse por persoas de gran capital social a pequena escala: directivos de clubs, ramistas, figuras do monte comunal, hostaleiros, persoas activas na igrexa, etc. A afiliación ás siglas non é tanto por razón de ideoloxía como por influencia na comunidade. Cunha forte presenza na vida cotiá, en situacións aparentemente apolíticas (misas, deporte, festas, comidas), é como o partido se fixo hexemónico.

Comentarios