Opinión

Ana Pontón pide o voto á mocidade para rematar coa emigración na Galiza

Ana Pontón dirixiuse á mocidade en Pontevedra para pedirlles o voto masivo nas vindeiras eleccións españolas do 23 de xullo. Para o BNG é moi importante contar con moitos votos nas vindeiras eleccións xa que lle permitirían ter unha representación forte na Carreira de San Xerónimo en Madrid.

É a mocidade galega a que debería estar máis comprometida co BNG pois será a forza política que loitará e se comprometerá para acadar os seus dereitos e para rematar definitivamente coa emigración entre a xente moza da Galiza. Así como coa fuga de cerebros, preparados nas universidades galegas, que unha vez rematados os seus estudos teñen que marchar, “bater o zoco polo mundo adiante”, por non atopar traballo ben remunerado na Galiza que a súa vez foi a que tivo que investir na súa educación.

E estes mozos e mozas terían que ser os que aportasen os seus coñecementos á sociedade galega que contribuíu para a súa formación. O seu traballo e os seus impostos contribuirían ao benestar de tódolos habitantes do país.

A emigración é un problema que vimos padecendo masivamente os galegos dende o século XVIII. Daquela emigraban os pobres labregos cara América por non teren na Galiza terras para traballar nin un xornal para vivir dignamente.

A fotografía do pai despedíndose do fillo no porto de Vigo para marchar buscar o pan ás américas é impresionantemente triste e non precisa de comentarios para entender o que pasaría pola cabeza dese pai e o seu fillo.

Todos nós tivemos algún familiar emigrado nas américas ou xa nos anos 60 do século XX nalgún país europeo ou dentro do propio estado español (Catalunya e Euskadi acolleron a maior parte deles). Os nosos propios pais foron emigrantes. No meu caso, os pais emigraron a Barcelona a comezos dos 60, marcharon coma ás agochadas, como se intentar buscar un modo de vida máis digno fora unha vergoña. En Barcelona xuntáronse con outros galegos que emigraran antes, entre todos axudábanse para irse adaptando á nova vida. No caso particular dos meus pais non lles foi mal. Despois de traballaren moi duramente puideron voltar a Galiza tras 38 anos de traballo en Barcelona. A outros non lles foi tan ben, por diversas causas, e nunca puideron voltar, aínda que o desexasen, porque a vergoña de retornar “sen fortuna” non os deixou dar o paso.

Este é tan só un pequeno exemplo do que supón a emigración, co conseguinte desarraigo da terra. Así pois, fagamos o posible, votando con sentidiño, para que isto non siga a ocorrer no século XXI.

Comentarios