Opinión

40 anos despois, 40 deputados

Tras a aprobación do Estatuto de Autonomía, en xaneiro do 1982, foi elixido presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor, de Alianza Popular (AP), que a presidiu durante dúas lexislaturas (1982-1987). No ano 1987 Fernando González Laxe, do Grupo Socialista, presentou unha moción de censura contra o goberno de Albor que triunfou e así deu comezo a un Goberno tripartito —Partido Socialista, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego— que gobernou até o ano 1990.

En 1989 Manuel Fraga desembarcou na Galiza, presentouse ás eleccións e gañounas por maioría absoluta, e así pasou a presidir a Xunta repetindo durante catro convocatorias (1990-2005). Nas eleccións autonómicas do 2005, tras a catástrofe do Prestige no ano 2002, perdeu, por un escano, o Partido Popular de Manuel Fraga en favor do bipartito do PSdeG e o BNG, pasando a presidir a Xunta Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana como o seu vicepresidente durante tan só unha lexislatura. Aos catro anos presentouse Alberto Núñez Feijóo (PP) e gañou por maioría absoluta, repetíndoa durante catro lexislaturas. Deixa Feijóo a Xunta no ano 2022 para marchar a Madrid a presidir o PP. Durante os anos 2022 a 2024 é Rueda o presidente da Xunta até as recentes eleccións, que as gaña con maioría absoluta.

Hai máis de corenta anos que Alianza Popular chegou a gobernar Galiza e máis de corenta anos despois conseguiu corenta escanos no Parlamento o Partido Popular (herdeiro de AP), optando a seguir gobernando na Xunta durante outros catro anos. Durante todos estes anos deuse tan só dúas veces un cambio na Xunta. Froito dunha moción de censura o Goberno  tripartito durante dous anos e catro anos de Goberno bipartito despois de gañar unhas eleccións.

Agora teríamos que facer unha análise de por que é posible que o Partido Popular se perpetúe durante tantos anos no Goberno da Xunta. Penso que o PP na Galiza colleu unha cor galeguista que foi avanzando dende Albor ata a actualidade, absorvendo todos os espazos que puidese haber de galeguismo nas cidades, nas aldeas, nos mozos ou nos maiores…  expandindo así a súa base de votantes.

Ten medo a maioría da cidadanía a un Goberno presidido polo BNG? Ten medo a maioría da cidadanía a facer cambios? Algo está a pasar na Galiza ao non darse unha alternancia política que demostre que temos unha auténtica democracia. Non pode ser bo perpetuarse tantos anos no poder.

O BNG loitou por gañar estas eleccións, e fíxoo moi ben comandado por Ana Pontón, unha muller que leva anos preparándose para isto, pero non foi suficiente. O PSdeG, necesario neste cambio, practicamente desapareceu do Hórreo pasando de catorce a nove deputados, todo o contrario do que lle sucedeu ao BNG, que acadou vintecinco, seis máis que hai catro anos. Pescou o BNG votos no electorado do PSdeG? Posiblemente, pero é o PSdeG o que ten que facer unha valoración de por que sucedeu isto. O Bloque fixo unha campaña en clave galega e ten unha lideresa preparada para gobernar. Isto foi valorado polo electorado.

Durante estes catro anos non debe de cundir o desánimo, senón seguir loitando para lograr todo o que nos propoñamos.

Comentarios