Opinión

Na CRTVG, abofé que xa é moito

Aprendéronnos a pensar que non podiamos agardar a que viñeran salvarnos con promesas asinadas por siglas. E certamente, ata durmimos mellor aquelas que aínda confiamos en que xuntas, cun propósito lexítimo, xusto e universal podemos conquistar aquilo que arelamos e nos pertence: mellor salario, menor xornada laboral ou un cambio de rumbo nun conflito que nos permita respirar e seguir camiñando, seguir soñando.

Pero hai realidades tercas que se enquistan, intereses poderosos que levantan muros aparentemente inexpugnabeis ás nosas victorias. Cando é así, róndanos a tentación de entregármonos ao destino e rezar para que haxa un cambio tamén no Hórreo dentro de tres semanas.

É a frustrante sensación que temos moitas na CRTVG, unha esperanza desesperada que nace, ben de demasiados anos de batalla, con canas e úlceras fóra de tempo por intentar cambiar as cousas, ben do temor que xera a convicción xeneralizada de que os medios públicos de comunicación da Galiza, a nosa tele e a nosa radio, non van sobrevivir a catro anos máis de maioría absoluta do Partido Popular. O que quede despois en pé nada terá que ver co concepto que as do común manexamos sobre o que debe ser a prestación do servizo público esencial de comunicación. Xa hoxe en día nin a TVG nin a RG aguantarían a proba do algodón que poderiamos considerar o cumprimento da Lei 9/2011 pola que se rexe a Corporación (pactada e aprobada no seu día por populares e socialistas). Como imos crer en realidade que a salvación chegará de fóra cando incumpren as súas propias leis e non pasa nada?

Porque efectivamente, como dixo o publicista para outros fins, é moito; xa é moito. Non se pode aturar máis a situación dentro da CRTVG (nin se debía soportar desde fóra sen protestar e esixir) e non é normal que con boa parte do persoal mobilizado de negro, reivindicando cuestións de primeiro de ética democrática desde hai case 100 semanas, nada se mova nin un milímetro na boa dirección. O único que avanza inexorábel é o modelo de servizos públicos, tamén de medios de comunicación, do partido de Feijoó e do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Un centro de saúde en Verín sen paritorio, unha educación sen escolas de proximidade, unhas residencias de maiores sen persoal abondo para tanta carga e unha tele e unha radio bonsáis para poder repartir o apetitoso negocio da produción audiovisual e controlar con man de ferro os contidos xa case plenamente subcontratados, amordazados, obedientes. Ás súas ordes, señor!

O desmantelamento, que negan erre que erre, gaña terreo: menos persoal e menos medios implican menor cobertura territorial e menor produción propia. As vacantes que deixa o persoal que se vai xubilando quedan baleiras a posta ata que se amortizan. Ui, pero que cadro de persoal tan curriño que nos está quedando, dirán nos despachos mentres se felicitan en español, lingua que fala mesmo nas xuntanzas oficiais boa parte do persoal directivo. Para cando unha proba de galego para toda esta xente?

Seguir negando a manipulación informativa é dun cinismo patolóxico e facelo en sede parlamentaria debía ser delito, igual que dirixir unha redacción ou un telexornal nesas condicións. É tamén certo, asumámolo e nomeémolo, que temos Xudas entre nós. Están as precarias, as que teñen medo, as que fixeron xornalismo porque era chuli e están tamén, como non, as persoas do partido. Hai por suposto mercenarias, como en todos lados; por pasta navegan sen nunca dar chío, coma se non visen o que pasa, porque sempre lle pasa ás outras. Ese expediente informativo que sempre remata en sancionador, esas amonestacións tan ben colocadas e tan pouco inocentes, eses toques de corredor en plan non irás á foto, non? As que enferman, as que están a tratamento, as que levan meses fóra e as que suspenderon o contrato un tempo para sandar, deben ser invisíbeis aos ollos da conciencia.

Ao final sempre superamos a tentación e, malia que ás veces choremos, espertamos da trampa da rendición ao tomar consciencia de que na CRTVG somos maioría as que queremos unha radio e unha tele públicas e plurais ao servizo de toda Galiza. Leve o tempo que leve derrubar o muro, abofé que acabará caendo.

Comentarios