Opinión

Por intentalo que non quede

Á vista da dificultade para a confluencia partidaria despois do preacordo de EU, Anova e Podemos

Á vista da dificultade para a confluencia partidaria despois do preacordo de EU, Anova e Podemos, e o que queira se sume, a única posibilidade está nos movementos que, para entendernos, definimos como as “Mareas” e a ”Iniciativa pola Unión”.

As Mareas nadas na Terra para as eleccións municipais coa intención da mobilización cidadá para facela protagonista do seu presente e do seu futuro, constitúen un movemento progresista alleo aos partidos políticos aínda que nelas poidan participar militantes deles a título persoal. Polo tanto, dentro destes parámetros progresista e protagonismo cidadá caben diferentes ideoloxías. Pois ben, agora estas Mareas decidiron superar o ámbito municipal para pasar tamén ao estatal e participar nas eleccións xerais cunha intención unitaria popular.

Por outra parte, con motivo expreso das eleccións xerais un grupo de xente relacionada coa cultura e o galeguismo decide facer un chamamento tamén á unidade popular, co obxecto de conseguir unha candidatura galega para estar presentes en Madrid cun grupo parlamentario de seu. Daí xurde Iniciativa pola Unión, tan movemento, tan progresista e tan de mobilización cidadá como o anterior, incluso tamén con membros partidarios a título persoal, e de diferentes ideoloxías, se ben pola lóxica dos seus iniciadores o matiz nacionalista-galeguista é máis marcado, mentres que nos anteriores o matiz non nacionalista-galeguista gaña as votacións.

A división o que reforzará é a nosa  xenética política autodestrutiva da que non logramos saír

Serían pois, estes movementos, se houbese vontade por ambas partes, os que poderían buscar vías de entendemento en algo ao parecer tan simple para calquera deses cidadadáns galegos aos que tanto se invoca, como é a consolidación dun grupo galego  soberano no Congreso (é dicir non dependente máis que de quen o votou,) que defenda os intereses de Galicia. Os partidos que queiran, difuminando os seus nomes e características, e dándolle liberdade de voto aos seus militantes no colectivo de confluencia no que se integran, diluiríanse nese movemento xeralizado para reforzalo.

Estes dous movementos polas súas características de independencia e polo tanto con posicións menos predeterminadas, máis abertas, están en mellor situación que os partidos para un entendemento e, xa que estamos nese tempo, de chegar ao menos a preacordos.

Reunirse para para expor puntos en común, clarificar dúbidas, explicitar diferenzas, contribúe tamén a coñecerse mellor, limar asperezas, conxugar sensibilidades, procurar empatías e ata, ao mellor, conseguir  o milagre de converter o preacordo en acordo. 

Doutro xeito, a división o que reforzará é a nosa  xenética política autodestrutiva da que non logramos saír. Non conseguiremos prácticamente nada en relación á pretendida ruptura democrática, senón que penosamente rematará co ridículo “nós sacamos máis votos ca vos” e Galiza, utilizando a definición do psiquiatra ourensán Santiago Lamas, seguirá sendo borrosa.

Comentarios