Opinión

Ás voltas coa soberanía

No debate das eleccións autonómicas na CRTVG o candidato do PP, Rueda, único da dereita atacou a candidata do BNG, Ana Pontón, co argumento do PP falando de ETA,  Cataluña e independencia. A Constitución española do 78 está deseñada para o bipartidismo: PP e PSOE. Cada día cuestionase o da nación única, España, e o Estado de autonomías como descentralización administrativa. A Constitución recoñece as tres nacionalidades históricas: Cataluña, Euskadi e Galiza. As dúas primeiras, con forte implantación soberanista, teñen competencias coas que gobernan as súas nacións con control fiscal, industrial e desenvolvemento cultural. Galiza quedou atrás. Gobernada, salvo no bipartito, pola dereita, un PP disfrazado de galeguista conservador.

A autonomía en Galiza non solucionou problemas estruturais, económicos, de organización territorial ou social. O Estatuto aprobouse co 20,80% de votos si. De 2.173.629 votantes, 612.528 escolleron entre si e non, un 28,17%, é dicir 71,82% abstívose. A Constitución tampouco foi aprobada, pois os votos afirmativos non chegaron a 50%. É un abstencionismo político e resistente. Na transición non houbo ruptura democrática, senón continuísmo do franquismo. A amnistía foi para eles. O antecedente do BNG foi o BN-PG (AN-PG e UPG). A alternativa, asumida polo Consello de Forzas Políticas Galegas eran as Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto federal, nela estaban os principios e competencias dos federados nunha Constitución plurinacional integrada en Europa.

O nacionalismo galego é soberanista. Unha nación e o seu pobo deben ser donos de si mesmos, con capacidade para decidir sobre o futuro político que afecta a toda a cidadanía. Isto é autodeterminación, non independencia como di con mala fe Rueda. Nada que ver co separatismo. Un pobo soberano con capacidade para autodeterminarse decide o seu futuro: federal, confederal ou independente. "O pobo é quen mais ordena". O noso lema, "Galiza ceibe e popular". Sen renunciar ao obxectivo estratéxico dun novo marco político onde decidamos nós por nós mesmos, agora o nacionalismo galego está na construción de organizacións independentes do centralismo e na formación dunha conciencia soberana que se opoña ao sometemento colonial da Galiza.

Comentarios