Opinión

Ás voltas coa cuestión territorial

A raíz dos resultados electorais, comentaristas recoñecidas e recoñecidos cuestionan a estrutura territorial do Estado español. Falan timidamente de iniciar unha vía ao federalismo que contemple a dimensión política, xurídica e institucional. Nesta complexa situación, Iñigo Urkullu propón reformar o modelo territorial sen cambiar a Constitución.

“Ampliar competencias nas comunidades históricas, Galiza, País Vasco, Navarra e Cataluña…” e “recoñecer a capacidade de decidir pactada”, dixo. Non se fala de autodeterminación nin de independencia. Ten que ver coa proposta do “Plan Ibarretxe” de 2005. Un camiño cara á confederación do Estado. Di que despois de 45 anos da Constitución é necesario recoñecer a “España plurinacional e a súa capacidade de decidir”.

ERC considera pouco ambicioso o plan de PNV. Di hai unha maioría social que reclama amnistía, autodeterminación. O Sr. Rueda, substituto de Feixoo, afirma que é positivo que o marco sexa a Constitución e que está ben encamiñado se non vai contra a igualdade das 17 autonomías. Habería unha “convención constitucional” dirixida a toda a representación política. “Sería unha vía, un marco, unha norma aceptada nun pacto”.

Hai 90 anos Galiza foi recoñecida internacionalmente como nación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas en 1933 en Berna, Suiza. A Transición, sen ruptura, traduce o autonomismo en “rexionalismo”, 17 rexións defendendo a unidade dunha España que ten “rexións pobres e ricas”. Fronte á espoliación colonial da Galiza, o Movemento Nacional Popular Galego (MNPG) tivo a súa alternativa nas Bases Constitucionais na nación galega, concretadas nas Medidas Económicas, Sociais, e Culturais para un Pacto Federal, contra un federalismo baleiro e formal, como paso procesual cara a un proceso constituínte. Os principios que sustentan as Bases, con algunha modificación, seguen a ser válidos hoxe.

Galiza está afogada no Estatuto de Autonomía. Un Estatuto trasnoitado e con poucas competencias desenvolvidas.

A situación da Galiza é de emerxencia nos ámbitos económico, social e cultural. Cada pobo ten o seu proceso de liberación. Mais buscar puntos comúns cos soberanistas no desenvolvemento económico, social e cultural da nosa nación é obrigado e perentorio.

Comentarios