Opinión

A vergoñenta parafernalia de Feixoo para ser presidente

Asistimos ao espectáculo político que define outra vez a actuación de Feixoo. Político ambivalente, sen ideoloxía, cun obxectivo: vencer utilizando todos os medios. As eleccións do 23-X deixaron un panorama de difícil organización, mais hai unha realidade que se impón cada día con maior forza. "España non é Madrid, e Madrid non é España". A fragmentación do parlamento é sinal da diversidade territorial do Estado. Feixoo unido a VOX non pode gobernala. É un fallo de estratexia que pretende corrixir. Logo de denigrar todos os soberanistas, propón solicitar até o apoio de Junts, porque PNV, ERC, Bildu e BNG negáronlle o seu voto de forma explícita. Antecedentes ten. Aznar pactou con Pujol a eliminación de gobernadores civís, cedeu competencias en tráfico, portos, solo e costas en 1996 por vinte votos. Pero nas eleccións do 2001, con maioría absoluta, pacta un modelo de financiamento que cede tributos en patrimonio, sucesións, doazóns, transporte, IVE, bebidas, viño, cervexa, fermentados, electricidade... Estes antecedentes lexitímano para buscar votos incluso chamando "socialistas bos" a que traizoen votantes e partido para salvar España. Alenta o transfuguismo. Vai contra a súa firma no Pacto Antitransfuguismo, renovado no 2020. O seu pragmatismo amosa falla de ética democrática. Cuestionado polos seus ao non conseguir maioría, inicia a operación supervivencia: primeiro, visibilizarse como o mais votado; segundo, ilexitimar ó Goberno saínte sen el. Borja Semper anuncia que comezará as conversas coas forzas parlamentarias, cos presidentes e presidentas territoriais. Excepto Bildu. Comeza por Sánchez solicitando que o deixe gobernar dous anos. Patético. Sen contar cos votos necesarios para ser presidente. O anuncio faino dende o Castelo de Soutomaior, lugar emblemático na historia de Galiza. Lugar de Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, cabeza da Galiza non subordinada a Castela, dun movemento nacional-popular no s. XV, achegado a Portugal. Lonxe do que el e o PP defenden: asimilar e ocultar os referentes da cultura galega.

*Como punto final esperpéntico a presencia no Castelo tivo un final apresurado: había unha voda. E liscaron despois da foto.

Comentarios