Opinión

Setembros para lembrar

Para a miña xeración hai algún setembro inesquecíbel. Asistimos conmocionadas/os ao 11 de setembro de 1973. Día do golpe de Estado en Chile contra o primeiro Goberno socialista-marxista que chegou ao poder por medios democráticos. Era a "vía chilena ao socialismo". Como obxectivos, xustiza e reformas sociais. Mais, o imperialismo norteamericano, a CIA e o capitalismo internacional organizaron o golpe militar, a ditadura de Pinochet. Triunfou a represión. Allende non se rendeu. A súa lección ético-democrática permanece. No último discurso, as 9.20 horas da mañá, no Palacio de La Moneda, rodeado polo exército traidor antes do seu suicidio, afirmou: "Os procesos sociais non se deteñen nin co crime nin coa forza. A historia é nosa e fanna os pobos".

O 11-S é, ademais, a data do maior atentado suicida do xihadismo contra EEUU. Foi un atentado de Al-Qaeda, de Obama Bin Laden contra o corazón de Nova York, o World Trade Center. Consecuencia mundial: un cambio de paradigma. EEUU asumiu a defensa do mundo occidental e seus valores fronte ao terrorismo islamsta, contra o "eje del mal". Occidente contra Oriente. Primeiro Afganistán, logo Iraq. Guerra que apoia Aznar sen permiso das institucións. G.W. Bush, Blair e Aznar son a tripla alianza da guerra.

Así mesmo, Galiza tamén ten algún setembro para lembrar. O de 1933 foi o mes do recoñecemento internacional da nosa nación. Ingresou no IX Congreso de Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións (antecedente da ONU). Galeusca fíxoo realidade. Galeusca é o símbolo da solidariedade e unión das tres nacións. Antecedente é o Pacto de Tripla Alianza de Barcelona o 1 de setembro de 1923 (ver X. Estévez, Xulio Ríos, Sermos Galiza).

É visto, setembro é un mes importante. Hoxe, neste mes retorna a incerta situación política do Estado español. Vivimos coa ameaza da crecente dereita e extrema dereita fascista, formando parte da extrema dereita europea, presente xa en Italia, Francia, Países Nórdicos, Turquía…

Hai que levantar unha forte barreira contra a extrema dereita PP-VOX só posíbel contando cos partidos nacionalistas das tres nacións históricas. Obriga dos partidos democráticos é o recoñecemento do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado.

Comentarios